Miguel Fernández respalda aos colectivos sanitarios no Día Internacional das Enfermeiras

“As e os profesionais sanitarios son o verdadeiro sostén do sistema público de saúde, pero as políticas da Xunta, como a recente proposta de videoconsultas en saúde mental, evidencian que para o Sergas a solución non pasa por potenciar os recursos humanos”, denunciou o alcalde de Lugo.

Tanto o rexedor, enfermeiro de profesión, como a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, matrona, participaron na celebración impulsada pola entidade colexial para recoñecer o papel esencial das enfermeiras no sistema sanitario.

“O acceso á saúde pasa tamén por visibilizar a figura das enfermeiras como profesionais próximas, resolutivas e fundamentais en todas as etapas da vida”, salientou Fernández.

Luns, 12 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández respalda aos colectivos sanitarios no Día Internacional das Enfermeiras

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou este luns nos actos conmemorativos do Día Internacional das Enfermeiras organizados polo Ilustre Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, que preside Eva Gómez. Acompañárono a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, representantes da directiva da entidade e os presidentes dos colexios oficiais de Médicos e Farmacéuticos de Lugo, Eduardo Iglesias e Alejandro Mª Sánchez.

“Os colectivos sanitarios están a soster o sistema con esforzo e vocación, malia sufrir unha situación límite pola falta de persoal e medios. O último exemplo é o anuncio do Sergas, que propón implantar videoconsultas en saúde mental mentres seguimos con listas de espera disparadas e sen profesionais suficientes para atender á cidadanía. Ideas que poden parecer innovadoras na teoría, pero que na práctica serven para ocultar recortes e reducir o acceso real á atención pública”, advertiu o alcalde.

Miguel Fernández cualificou esta estratexia como “un paso máis no desmantelamento progresivo da sanidade pública, que substitúe recursos humanos por pantallas e precariza servizos esenciais, especialmente nun ámbito tan sensible como a saúde mental, onde o contacto humano é clave”. Ademais, o rexedor subliñou que “a área sanitaria de Lugo é, segundo o Consello de Contas, a que dispón de menos recursos. É necesario que se faga un investimento real máis aló dos anuncios propagandísticos ”.

Durante a xornada, fíxose especial fincapé na campaña “Mellor pregunta á túa enfermeira”, coa que se busca poñer en valor ás máis de 335.000 profesionais da enfermaría como referentes de saúde e primeiras persoas ás que acudir ante calquera dúbida sanitaria. “Como enfermeiro, para min é unha honra poder acompañar ao colectivo ao que pertenzo e agradecer o seu traballo diario, sempre próximo, silencioso e imprescindible”, expresou Miguel Fernández.

“É importante que a cidadanía confíe nos profesionais formados e non recorra a fontes pouco fiables cando se trata da súa saúde. Esta campaña axuda a reforzar esa mensaxe e a darlle visibilidade ao noso labor desde todos os ámbitos”, concluíu o alcalde.

Noticias relacionadas