As medicións presentadas polo Concello avalan a ubicación da zona de baño incluso ‘nas condicións máis desfavorables posibles’

A Administración local presentará ante Confederación un novo informe que clarifica, con datos, as obxeccións nas que a Xunta se basea para negar a posibilidade de instalar as piscinas nese punto do río.

Xoves, 21 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As medicións presentadas polo Concello avalan a ubicación da zona de baño incluso ‘nas condicións máis desfavorables posibles’

O Concello de Lugo presentará ante a Confederación Hidrográfica un informe para clarificar, con datos e medicións, as obxeccións nas que a Xunta de Galicia se baseou para negar a posibilidade de instalar as piscinas fluviais na segunda proposta de ubicación que plantexou para poder abrilas este mesmo verán.

Anunciouno hoxe o tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández, ao tempo que explicou quexunto coa solicitude de cambio de emprazamento, unha modificación que a propia CHMS considerou non substancial, a Administración local xa entregara unha xustificación técnica con diferentes anexos nos que se achegaban todos os cálculos relacionados coa afectación que o novo sistema de ancoraxe proposto - á beira do río e non ao leito, para que fose menos invasivo aínda coa contorna natural e fluvial – podía ocasionar.

“Un mecanismo que se sustentaba no emprego de bielas e tirantes - que cumpren a función de manter separadas as piscinas da ribeira a unha distancia fixa - do que se ofreceu información sobre materiais, características mecánicas, zapatas, cargas, etc co obxectivo de documentar que a variación suxerida resultaba viable”, indicou o edil.

Fernández relatou que para avaliar a presión que exercería o pantalán sobre a auga se tivo en conta unha utilización das piscinas moi por riba do seu uso. “Calculouse en base ao peso de 760 persoas de 80 kg cada unha, o que serían as condicións máis desfavorables posibles e que xustificaban calquera das situacións que puideran ocorrer mentres se empregaba a instalación".

Unha vez máis, o voceiro do Goberno local puxo de manifesto as contradicións nas que recae a Xunta.

“Está desbotando agora unha ubicación á que deu o seu beneplácito en 2019. E no mesmo informe Patrimonio Natural daba conta, alén - aínda que actualmente estea a trasladar o contrario - de que o estudo elaborado polo Concello para acadar a autorización ao proxecto facía ‘unha avaliación completa e extensa do medio natural da zona, incluíndo unha lista ampla de especies e hábitats posibles’, e indicaba que ‘os impactos sobre ese medio e especies se valoraban de xeito atinado’, ademais de recoller que segundo a documentación presentada, ‘o calado nesa zona sería suficiente para que os módulos dos que se compón a estrutura non toquen no leito do río’ e que ‘en todas as medicións supera o 1’33 mts. de calado mínimo en toda a zona’. De maneira que o que servía antes, non vale hoxe”, lamentou Fernández

O concelleiro de Medio Ambiente expuxo que “do mesmo xeito que sabemos que o río é un organismo vivo, cuxo estado cómpre valorar cada ano - porque un verán poden darse unhas circunstancias e ao seguinte ser xa diferentes - non entendemos por que a Xunta quere coartar a lexitimidade que nos dá o permiso que obtivemos por 25 anos e nos suxire renunciar directamente á concesión, sabendo que a busca doutra localización e a súa tramitación será ardua e longa como xa o foi esta, privando durante moito máis tempo á cidadanía lucense dunha zona de baño pública”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre a xustificación técnica da zona de baño | Descargar mp3

Noticias relacionadas