As concelleiras Maite Ferreiro e Iria Buide reafirmaron o seu apoio á educación pública como motor de igualdade e progreso.
Buide: “É un orgullo para Lugo contar con estudantes como Martín e Isabel, que representan o talento, a constancia e a capacidade crítica da nosa mocidade”.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, recibiron esta mañá na Casa Consistorial a Martín Casanova e Isabel Liñares, estudantes que acadaron as dúas mellores cualificacións na convocatoria 2025 da Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (PAU) no municipio de Lugo.
Martín Casanova, alumno do IES Leiras Pulpeiro, acadou a nota máis alta cun 9,96 sobre 10, mentres que Isabel Liñares, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, conseguiu a segunda mellor puntuación, cun 9,65. Ambos estudantes foron recoñecidos pola súa excelencia académica, mais tamén pola súa implicación persoal, disciplina e compromiso co estudo.
A concelleira de Educación, Iria Buide, destacou que “é un orgullo para Lugo contar con estudantes como Martín e Isabel, que representan o talento, a constancia e a capacidade crítica da nosa mocidade”. Engadiu tamén que desde a súa área “valoramos enormemente o seu esforzo e reafirmamos o compromiso do Concello coa educación pública como garantía de igualdade de oportunidades e futuro para todas e todos”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, subliñou que “é esencial visibilizar exemplos coma estes, que amosan que a nosa mocidade está preparada para liderar con criterio e compromiso. Representan unha xeración con moito que achegar á sociedade, e desde a Tenencia de Alcaldía seguiremos impulsando espazos que valoren o mérito e a cultura do esforzo”.
Durante a visita, as concelleiras fixeron entrega dun pequeno agasallo e animaron a ambos estudantes a continuar co seu camiño formativo con ilusión e dedicación. Neste caso, farano a través das súas eleccións universitarias nas ramas de Dereito e Medicina, respectivamente.
A Tenencia de Alcaldía mantén firme o seu compromiso coa mocidade e coa educación pública, promovendo o talento local e apoiando o futuro das novas xeracións.
Audio
- A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, sobre as notas da PAU | Descargar mp3



