Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Martín Casanova e Isabel Liñares reciben o recoñecemento da Tenencia de Alcaldía polas súas excelentes notas na PAU

Martín Casanova e Isabel Liñares reciben o recoñecemento da Tenencia de Alcaldía polas súas excelentes notas na PAU

As concelleiras Maite Ferreiro e Iria Buide reafirmaron o seu apoio á educación pública como motor de igualdade e progreso.

Buide: “É un orgullo para Lugo contar con estudantes como Martín e Isabel, que representan o talento, a constancia e a capacidade crítica da nosa mocidade”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Cultura e Turismo,
    • Educación,
    • Centros de ensino,
    • Educación pública,
    • Formación
Xoves, 17 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Martín Casanova e Isabel Liñares reciben o recoñecemento da Tenencia de Alcaldía polas súas excelentes notas na PAU

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, recibiron esta mañá na Casa Consistorial a Martín Casanova e Isabel Liñares, estudantes que acadaron as dúas mellores cualificacións na convocatoria 2025 da Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (PAU) no municipio de Lugo.

Martín Casanova, alumno do IES Leiras Pulpeiro, acadou a nota máis alta cun 9,96 sobre 10, mentres que Isabel Liñares, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, conseguiu a segunda mellor puntuación, cun 9,65. Ambos estudantes foron recoñecidos pola súa excelencia académica, mais tamén pola súa implicación persoal, disciplina e compromiso co estudo.

A concelleira de Educación, Iria Buide, destacou que “é un orgullo para Lugo contar con estudantes como Martín e Isabel, que representan o talento, a constancia e a capacidade crítica da nosa mocidade”. Engadiu tamén que desde a súa área “valoramos enormemente o seu esforzo e reafirmamos o compromiso do Concello coa educación pública como garantía de igualdade de oportunidades e futuro para todas e todos”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, subliñou que “é esencial visibilizar exemplos coma estes, que amosan que a nosa mocidade está preparada para liderar con criterio e compromiso. Representan unha xeración con moito que achegar á sociedade, e desde a Tenencia de Alcaldía seguiremos impulsando espazos que valoren o mérito e a cultura do esforzo”.

Durante a visita, as concelleiras fixeron entrega dun pequeno agasallo e animaron a ambos estudantes a continuar co seu camiño formativo con ilusión e dedicación. Neste caso, farano a través das súas eleccións universitarias nas ramas de Dereito e Medicina, respectivamente.

A Tenencia de Alcaldía mantén firme o seu compromiso coa mocidade e coa educación pública, promovendo o talento local e apoiando o futuro das novas xeracións.

Audio

  • A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, sobre as notas da PAU | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/martin-casanova-e-isabel-linares-reciben-o-reconecemento-da-tenencia-de-alcaldia-polas-suas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20250717_iria_buide_recepcion_mellor_pau.mp3