Marcapáxinas e poemas para lembrar a Rosalía de Castro este sábado en Lugo

O Concello repartirá este material a partir das 12:30 horas no Parque de Rosalía, onde se lerá un manifesto e se celebrará unha lectura pública da súa obra. De tarde, dende as 17:00 ás 22:30 horas, a lectura é no Vello Cárcere

Mércores, 21 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Marcapáxinas e poemas para lembrar a Rosalía de Castro este sábado en Lugo

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, súmase un ano máis aos actos de lembranza a Rosalía de Castro, institucionalizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Deste xeito, o Concello repartirá marcapáxinas -4 distintos- con poemas de Rosalía no parque da cidade que leva o seu nome, onde tamén terá lugar tanto a lectura dun manifesto como da súa obra, a partir das 12:30 horas. En xornada de tarde, concretamente de 17:00 a 22:30 horas, no Vello Cárcere tamén se celebrará outra lectura de poemas e prosa.

Toda persoa que queira participar nestas lecturas públicas soamente se ten que achegar ao parque ou a este centro cultural no horario dos actos, intervindo na lectura seguindo a orde na que vaia chegando.

Carmen Basadre convidou a cidadanía a participar nestas actividades que buscan difundir a obra e o pensamento rosaliano entre os veciños e veciñas de Lugo e nas que se reivindica a figura de Rosalía como referente necesario para a lingua galega e a identidade galega. Ademais a edil recordou á poetisa como unha das primeiras escritoras que escribiu en galego e enxalzou o papel que realizou en defensa da muller e na loita pola igualdade. 

Audio

Noticias relacionadas