Mañá finaliza o prazo para participar nos certames de fotografía e epitafios que conmemoran o Día de Defuntos

Estes certames compleméntanse cunha visita nocturna ao camposanto o 6 de novembro e coa IV edición do Concerto de Lembranza, o día 12

Martes, 27 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Concello e Cidadanía pecha mañá o prazo para participar nos concursos de fotografía e epitafios que organizou para conmemorar o Día de Defuntos.

O terceiro concurso de fotografía Estampas de paz e acougo pretende poñer en valor o cemiterio municipal de San Froilán, que acolle o recentemente declarado mellor monumento arquitectónico funerario de España. Hai tres premios dotados de 250, 150 e 75 euros, que serán entregados na capela do cemiterio durante a cuarta edición do Concerto da Lembranza, o 12 de novembro.

Cada participante pode presentar un máximo de tres fotografías inéditas e orixinais para este evento e estas non poderán estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria. As fotografías poderán realizarse no horario de apertura ao público do recinto.

Baixo o lema Unha palabra, unha emoción, a segunda edición do concurso de epitafios busca destacar un dos elementos que máis contribúe a humanizar e potenciar o valor emocional dos cemiterios, lembrando aos defuntos e honrando a súa memoria. Establécense dous premios, de 150 e 75 euros, respectivamente.

As propostas a concurso poden entregarse en persoa ou por correo electrónico. Cada participante pode presentar un máximo de 3 epitafios inéditos e orixinais, non podendo estar publicados en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria.
Ambos certames compleméntanse cunha visita nocturna ao camposanto o 6 de novembro e coa IV edición do Concerto de Lembranza, o día 12.

Noticias relacionadas