O edil de Deportes, Miguel Fernández, destacou a valía do patrimonio natural municipal, exemplo de conservación e tamén de aproveitamento cidadá para a práctica de actividade física
- Tema

O Concello de Lugo regresaba hoxe ao Cumio do Cambio Climático trala participación, este martes, da alcaldesa, Lara Méndez. Nesta ocasión foi o concelleiro e portavoz socialista, Miguel Fernández quen expuxo as medidas que, en materia de Sostibilidade e Deporte, está a desenvolver a administración local.
O edil aproveitou a súa intervención para poñer en valor todo o patrimonio natural do municipio, destacando a riqueza de espazos como a Muralla ou o Paseo do Rato, incluído dentro da Biosfera Terras do Miño, como escenarios habituais de adestramento e ocio ao aire libre para a cidadanía lucense.
Fernández enxalzou a configuración urbanística da cidade “que a converte, en si mesma, nun recinto deportivo”, exemplificando esta circunstancia no Parque Rosalía de Castro, “catalogado como Ben de Interese Cultural e no que se integran distintas zonas que permiten a realización de actividade física tan diversa como a patinaxe ou a ximnasia, xa que contamos un circuíto biosaudable e outro de Street Workout”.
O concelleiro explicou tamén que o goberno local traballa agora na creación de máis de 15 quilómetros de carril bici “que servirán para dar continuidade ás vías de circulación compartida e tráfico relaxado que xa existen no perímetro da Muralla para unilo co novo barrio multiecolóxico que se proxecta dentro do programa LIFE Lugo + Biodinámico que hai só dous días presentaba aquí a alcaldesa. Unha mostra – dixo - da simbiose tan necesaria que debe existir entre a mobilidade urbana e a sustentabilidade e que debe posibilitar o fomento de hábitos e costumes de vida saudables coa convivencia, a ocupación e a conservación dos espazos verdes públicos”.
Miguel Fernández explicou tamén que o Concello de Lugo foi pioneiro poñendo en marcha a primeira rede de calor municipal con biomasa de toda Galicia que abastece de enerxía térmica a oito edificios municipais con pautas moi diferentes de consumo e de potencia.
“Unha instalación que, entre outros inmobles, dá servizo a unha piscina climatizada, un pavillón polideportivo, un Campo de Fútbol e un Club de Tenis de Mesa, para a alimentación aos sistemas de calefacción, produción de auga quente sanitaria e climatización dos mesmos e que nos permite empregar un sistema innovador, de alto nivel técnico e excelente en termos de sustentabilidade, substituíndo os combustibles fósiles que se empregaban ata o momento, sobre todo gas natural e gasóleo, por outros non contaminantes, alcanzando unha considerable redución de emisións de CO2”.
“Este é o camiño no que se atopa actualmente o Concello de Lugo – trasladou o edil - no que traxecto e meta fúndense para alcanzar un municipio sustentable, respectuoso co medio ambiente pero tamén confortable, eficiente e saudable para a súa poboación. Un obxectivo no que aspiramos a ser un referente como así o demostra a nosa aposta decidida por convertelo nun dos valores transversais do noso desenvolvemento como gran cidade. Non son só palabras, en 2020 o 50% de todo o investimento que contemplan os orzamentos locais destinarase a actuacións relacionadas directamente con esta sustentabilidade e de maneira moi ligada ao deporte e o seu fomento xa que dos 10’5 millóns de euros proxectados no capítulo de investimento real que contemplan esas contas destinaranse a este fin 3’3 millóns de euros. Non é unha moda, é unha necesidade e no caso do Concello de Lugo tamén unha convicción”, concluíu Miguel Fernández.