Lugo, sede da Copa de Europa de Péntatlon Moderno

O Concello organiza este campionato, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación e a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, para dar resposta ás demandas veciñais nos Orzamentos Participativos

Ao redor de 100 deportistas disputarán esta competición que terá lugar o sábado, 19 de decembro, a partir das 08:00 horas na piscina das Pedreiras, nas pistas de atletismo de Gregorio Pérez Rivera e no módulo de atletismo

Martes, 15 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, sede da Copa de Europa de Péntatlon Moderno

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, presentou este martes no Salón de Comisións a Copa de Europa Youth A e B de Péntatlon Moderno Cidade de Lugo, que organiza a entidade local o vindeiro sábado, 19 de decembro, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, dentro da súa aposta por promover as actividades deportivas ao tempo que se impulsa a cidade de Lugo. Ao acto tamén asistiu o xefe provincial de deportes de Lugo, Manuel Cadramón, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga e o delegado provincial en Lugo da Federación Galega de Triatlón e Péntatlon Moderno, Francisco Villanueva.

“Coa organización deste campionato deportivo damos resposta ás demandas que nos fixeron os veciños e veciñas nos Orzamentos Participativos”, subliñou o edil. Deste xeito, o Concello continúa a executar os 59 proxectos demandados polos veciños e veciñas do municipio, que contan cunha dotación económica de 500.000 euros.

Fernández destacou o elevado número de participantes que se darán cita na cidade nesta Copa de Europa Youth A e B de Péntatlon Moderno Cidade de Lugo, posto que reunirá en Lugo a uns 100 deportistas de España, Portugal, Francía, Hungría, Gran Bretaña e Italia, “oportunidade que non podemos deixar escapar para potenciar o noso entorno natural, a nosa cultura e o noso patrimonio histórico privilexiado”. Neste senso, o Concelleiro tamén fixo fincapé no compromiso do Concello co deporte, en todas as modalidades e para todas as idades, ao tempo que puxo en valor as dotacións e infraestructuras deportivas coas que conta a cidade, “que acollen a miúdo campionatos de gran envergadura, non soamente de caracter local, senon nacional, e como neste caso, internacional”.

Pola súa banda, Cadramón, Veiga e Villanueva mostráronse satisfeitos de que Lugo acolla esta competición dunha modalidade deportiva non maioritaria pero si con moito arraigamento en Lugo.

Esgrima, natación e modalidade combinada

O venres, 18 de decembro, as delegacións chegarán a Lugo para disputar a competición deportiva, que arrancará o sábado, 19 de decembro, ás 08:00 horas coa proba de esgrima. Ás 09:00 horas chegará o turno da natación e ás 12:00 horas a última modalidade, a combinada. As actividades terán lugar na piscina das Pedreiras, nas pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera e no módulo de atletismo. Ás 18:15 horas terá lugar a cerimonia de entrega de premios. Haberá modalidade benxamín (nados no ano 2006-2007), alevín (2004-2005), infantil (2002-2003), cadete (2000-2001) e xuvenil (1998-1999), tanto masculina como feminina.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a Copa de Europa de Péntatlon Moderno |Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo, sede da Copa de Europa de Péntatlon Moderno

Noticias relacionadas