Lugo reivindica a tradición celta do Samaín dende mañá e ata domingo cunha coidada, diversa e ampla programación

O Concello programou merendas terroríficas, visitas guiadas, obradoiros, xogos, música e un Desfile das Ánimas pola Muralla. Todas as actividades son de balde

Martes, 30 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reivindica a tradición celta do Samaín dende mañá e ata domingo cunha coidada, diversa e ampla programación

Lugo reivindica a tradición celta do Samaín dende mañá e ata domingo cunha programación gratuíta, organizada polo Concello, moi coidada, ampla e diversa; que engloba dende merendas terroríficas, visitas guiadas, obradoiros, xogos, música e un Desfile de Ánimas pola Muralla.

Mañá mércores é o día de Unha merenda de morte. Trátase dun obradoiro, dirixido a familias, para elaborar unha merenda terrorífica nun antigo cemitero romano, no centro arqueolóxico de San Roque. Deste xeito, haberá un taller de doces propios desta época e unha visita guiada a esta necrópole, con historia de medo incluída. O Concello recomenda acudir disfrazados a esta actividade, que xa ten as 80 prazas cubertas e que arrincará a partir das 18:00 horas.

Para os días 1, 2, 3 e 4 de novembro, a entidade local preparou distintas visitas guiadas pola cidade, con saída ás 12:30 horas da Oficina Municipal de Turismo, onde é preciso inscribirse para participar nas rutas Déixate guiar, Vive Lugo.

O sábado, 3 de novembro, dende as 17:30 ás 20:00 horas haberá obradoiros de baleirado e tallado de cabazas, recortables e pintables, pintado de caras con pictos galaicos e diversos xogos na Praza da Soidade. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao Mercado Municipal. Aínda que se dispón de bastantes cabazas, recoméndase que cada nena e neno traia a súa. Así mesmo, a entidade local agradece a participación nos actos caracterizado. Dende as 20:00 horas celebrarase un condurso de cabazas e debuxos, e unha degustación de chocolate con churros para os cativos e cativas particpantes. Para rematar a xornada, haberá un Desfile de Ánimas polo adarve da Muralla, dende as 21:30 horas. Nel participarán catro asociacións de recreación histórica do municipio: Lugdunum, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos e Clan de Breogán.

A programación finaliza o domingo, no patio do Vello Cárcere ás 13:00 horas, co concerto de Kimuro. A entrada é libre ata completar cabida.

Audio

Noticias relacionadas