Lugo cítase co cross o vindeiro domingo

Miguel Fernández, Manuel Teijeiro, Manuel Otero e Tito Valledor presentaron este mércores no Salón de Plenos o Campionato Provincial de Cross e o I Cross Fluvial de Lugo, cos que colabora o Concello

Mércores, 03 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Manuel Teijeiro, o xefe provincial de deportes en Lugo, Manuel Otero “Cadramón” e o presidente do Club Fluvial, Tito Valledor, presentaron este mércores no Salón de Plenos o Campionato Provincial de Cross, que organiza o club e a federación coa colaboración do Concello o vindeiro domingo 7 de febreiro no circuíto Feira Exposición, á beira do río Miño. “Enmárcase na nosa aposta por fomentar o deporte ao tempo que impulsamos cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico, cultural e medio ambiental”, subliñou Fernández.

No acto de presentación, o edil tamén fixo fincapé no compromiso do Concello co deporte, en todas as modalidades e para todas as idades, ao tempo que subliñou o arraigo do atletismo na cidade de Lugo, un deporte que cada vez gaña máis adeptos, o que puidemos comprobar o domingo pasado na celebración da XIII Lugo Monumental, que reuniu a máis de 2.200 corredores en Lugo.

Pola súa banda, Teijeiro, Otero e Valledor insistiron na colaboración entre administracións e entidades para poder celebrar encontros deportivos deste tipo en Lugo, unha cidade que respira deporte.

Categorías e saídas

No Campionato Provincial de Cross participarán as categías xuvenil (nados no 1999 e 2000), júnior (1997 e 1998), promesa (1994, 1995 e 1996), sénior (1993 e anteriores), veteranos A (35-44 anos), B (45-54 anos), C (55-64 anos) e D (máis de 65 anos).

As 11:45 horas terá lugar a saída das categorías xuvenil, júnior, e promesa, senior e veternanas femenino, que percorrerán 3 quilómetros. Ás 12:30 horas, arrancará a categoría masculina de promesa, senior e veteranos, que correrán 6 quilómetros.

As inscricións aínda se poden realizar a través do sistema da web da Real Federación Española de Atletismo ata as 23:00 horas do xoves 4 de febreiro.

I Cross Fluvial de Lugo

Paralelamente a este evento, disputarase o I Cross Fluvial de Lugo para as categorías dende benxamín a cadete. As probas comezarán a partir das 11 da mañá e estarán presentes os principais clubs da provincia.

Para ambas competicións, os dorsais poderán retirarse na secretaría ata 30 minutos antes da saída de cada proba. Por categorías, haberá medallas –campionato- e trofeos –cross fluvial- para os 3 primeiros participantes masculino e feminino.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a presentación do Campionato Provincial de Cross e do I Cross Fluvial de Lugo  |Descargar mp3

Noticias relacionadas