Lara Méndez propón entregar as Medallas de Ouro 2023 ás 19 asociacións do Arde Lvcvs que contribuíron ao seu recoñemento internacional

A alcaldesa quere enxalzar así o traballo e esforzo dos colectivos romanos e castrexos que forman parte da organización desta festividade e aglutinan a preto dun millar de socios/as.
 
Esta mesma xornada, Méndez comunicaba a decisión ao resto de forzas da Corporación no transcurso dunha Xunta de Portavoces.

O acto celebrarase o vindeiro 30 de novembro, no MIHL, coincidindo co XXIII aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

Xoves, 02 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
   Lara Méndez propón entregar as Medallas de Ouro 2023 ás 19 asociacións do Arde Lvcvs que contribuíron ao seu recoñemento internacional

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de propoñer á Corporación Municipal outorgar as Medallas de Ouro deste 2023 ás 19 asociacións de recreación histórica da cidade pola súa contribución decisiva para que o Arde Lvcvs fose declarado como Festa de Interese Turístico Internacional. O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu este recoñecemento á cita luguesa no mes de marzo, logo de que a finais do ano pasado o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.

Neste senso, a rexedora destacou “o esforzo dos colectivos romanos e castrexos que forman parte da organización do Arde Lvcvs e que traballan durante todo o ano de forma infatigable para recrear con fidelidade as nosas orixes”. “A súa implicación converteu esta celebración local nunha cita única en España”, explicou Méndez, quen subliñou que “por iso, resulta de obrigado cumprimento recoñecerlles o seu inestimable labor coa máxima distinción do Concello, no ano no que logramos o fito de obter a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional”.

Precisamente polo grado de implicación da cidadanía o Arde Lvcvs foi incrementando o seu éxito da man da aposta decidida que fixo o Concello para recuperar o pasado romano da cidade tratando de mantelo vivo cunha recreación fidedigna pero, sobre todo, participativa e lúdica, exportando a imaxe máis positiva e cordial do municipio e dos e das lucenses.

O que comezou en 2001 como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do centro histórico, e que tan só duraba unha noite, non tardou moito en converterse nunha festa de recreación histórica, cun compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica que a fan absolutamente singular. Así, no ano 2003 ampliouse a súa duración a toda a fin de semana, comezando o venres pola tarde e finalizando o domingo pola noite. Hoxe en día, a festa arrinca xa o xoves. En 2011, foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia e no 2017 conseguiu o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional.

Unha vez transcurrido o prazo mínimo de 5 anos como Festa de Interese Turístico Nacional requerido para poder solicitar o seu recoñecemento internacional, o executivo de Lara Méndez iniciou os trámites que concluíron o pasado mes de marzo coa obtención da mencionada distinción.

“O éxito e a proxección do Arde Lvcvs resulta xa innegable e a súa máxima demostración é, precisamente, ter obtido os tres recoñecementos, especialmente este último, nun período tan curto de tempo. Mais a súa consolidación e prestixio van da man, como non podía ser doutro xeito, do esforzo, dedicación e cariño de todas as persoas que traballaron para que así fose, porque é a súa implicación a que fai esta festa tan grande. A todas elas o Concello quere facer un recoñecemento moi especial para que, sen dúbida, o 2023 sexa lembrado como o ano do Arde Lvcvs e das e dos seus artífices”, engadiu a rexedora.

En total, son 19 asociacións as que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias: Ara Roma; Asamblearias Lucus Augusti; Caetra Lucensium; Civitas Lucensis; Clan de Breogán; Cohors III Lucensium; Guardia Pretoriana - Cohors Lvcensium Praetoria; Kertix; Lucus Equites; Lucus Icenas Miliatore; Lugdunum; Mercenarios Galaicos; Pax Romana Lucus; Salesiani Luci Augusti; Senatus Lucus Augusti; Terra Copora; Tir Na n'Og; Trebas Galaicas; Vestales Lucus Augusti.

A Medalla de Ouro é a máxima distinción que o Concello de Lugo concede a entidades ou á cidadanía, por iso, o seu regulamento fixa que deben recibir este galardón persoas que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios. Esta mesma xornada, Méndez comunicaba a decisión ao resto de forzas da Corporación no transcurso dunha Xunta de Portavoces.

As Medallas de Ouro do Concello se entregarán nunha cerimonia que terá lugar o próximo 30 de novembro, no MIHL. Unha xornada “tremendamente simbólica para a cidade” na que tamén se conmemora o XXIII aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

Multimedia

  •    Lara Méndez propón entregar as Medallas de Ouro 2023 ás 19 asociacións do Arde Lvcvs que contribuíron ao seu recoñemento internacional

Noticias relacionadas