Lara Méndez pon en valor o liderado feminino á fronte dos Gobernos locais no I Encontro de Alcaldesas

Á xornada, celebrada na Coruña, acudiron as rexedoras das grandes cidades pero tamén mulleres referentes na toma de decisións a nivel nacional como Carmen Calvo, Ana Pastor ou a ministra Isabel Rodríguez.

O evento comezou coa sinatura da Declaración de María Pita, un manifesto no que se recolle o compromiso das mandatarias locais por pular por unha igualdade efectiva e real en todos os ámbitos da sociedade.

Xoves, 19 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en valor o liderado feminino á fronte dos Gobernos locais no I Encontro de Alcaldesas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe no primeiro Encontro de Alcaldesas celebrado na Coruña. Un acto que tiña como obxectivo reflexionar sobre o papel das mulleres á fronte do poder municipal.

Un debate que xirou en torno á presenza da muller en postos de responsabilidade, especialmente dende o eido local no que, neste intre, as rexedoras ocupan só o 25% das alcaldías do Estado.

Lara Méndez aproveitou a xornada, á que tamén acudiron grandes referentes na toma de decisións a nivel nacional como a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor e a presidenta da Comisión de Igualdade no Congreso, Carmen Calvo, para reivindicar ese liderado feminino ao tempo que instou a seguir impulsando unha maior presenza das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

Ao inicio do evento, as asistentes asinaron a Declaración de María Pita, na que se deixou constancia de que, para que a igualdade sexa real e efectiva requírese un equilibrio na representación de mulleres e homes en todos os eidos e na que tamén se puxo en valor ás politicas de igualdade como instrumentos imprescindibles para dar cumprimento non só a ese principio de dereito fundamental senón tamén á eficiencia económica, especialmente cando o mundo se enfronta a inmensas dificultades globais.

Un documento no que as alcaldesas se comprometeron por escrito a seguir esixindo medidas que garantan a igualdade real entre mulleres e homes no acceso a postos de responsabilidade e xestión, así como a denunciar publicamente os actos de misoxinia, machismo ou discriminación contra mulleres electas no desempeño dos seus cargos ou contra mulleres candidatas polo feito de ser mulleres.

Entre os obxectivos da Declaración, á que convidaron a adherirse ao resto de compañeiras rexedoras do estado español, as primeiras mandatarias locais constataron a súa vontade de esixir a todas as institucións o impulso lexislativo e político cos recursos necesarios que reforcen as políticas locais de igualdade e permitan a xestión de programas e a prestación de servizos municipais profesionais de calidade ás mulleres, particularmente ás vítimas da violencia de xénero e tamén a aproveitar a súa presenza e interlocución en/con outras administracións e institucións para esixir unha presenza equilibrada de homes e mulleres nos actos públicos de todos os niveis nos que participen.

Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas avanzamos.

Multimedia

  • Lara Méndez pon en valor o liderado feminino á fronte dos Gobernos locais no I Encontro de Alcaldesas
  • Lara Méndez pon en valor o liderado feminino á fronte dos Gobernos locais no I Encontro de Alcaldesas
  • Lara Méndez pon en valor o liderado feminino á fronte dos Gobernos locais no I Encontro de Alcaldesas

Noticias relacionadas