Lara Méndez pon en marcha un novo programa gratuíto de formación e asesoramento empresarial dirixido a persoas desempregradas

Trátase da iniciativa Back2Work, que o executivo municipal promove en colaboración coa EOI, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE).

“Vén a complementar o Inicia Coworking que promovemos ao longo de 6 edicións con gran éxito, pois supuxo a xeración de 121 proxectos”, explicou Méndez.

A través deste programa, ofrecerase acompañamento individualizado durante tres meses a todos os participantes para axudarlles a validar a súa idea de negocio.

En total haberá 15 prazas dispoñibles. Os interesados poden solicitar toda a información no teléfono 982 297 468. As inscricións abrirán en setembro.

Venres, 12 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en marcha un novo programa gratuíto de formación e asesoramento empresarial dirixido a persoas desempregradas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá o lanzamento dun novo programa de formación e asesoramento dirixido a persoas desempregadas para que poidan poñer en marcha os seus propios proxectos empresariais. Estivo acompañada pola Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana G. Abelleira e Mar Laurel, xerente de ‘Las Manos del Alma’.

Trátase do programa Back2Work, que o executivo municipal organiza en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e co financiamento do Fondo Social Europeo (FSE), de xeito que será totalmente gratuíto para os e as participantes.

A presentación tivo lugar na Rua Nóreas, ubicación que acolle o proxecto persoal de Mar Laurel ‘Las Manos del Alma’,  unha emprendedora que naceu en pleno confinamento e se formou a través do acompañamento dos profesionais do CEI Nodus, conseguindo poñer en marcha a súa propias empresa. Inicialmente no propio Cei Nodus, estando instaladas entre novembro do 2020 e agosto do 2021.

Lara Méndez avanzou que “esta iniciativa vén a complementar o programa Inicia Coworking que promovemos dende o Concello ao longo de seis edicións con gran éxito, pois supuxo a xeración de 121 proxectos empresariais, dos que 83 están facturando, e a creación de 219 postos de traballo directos, máis os indirectos”.

“Nesta ocasión, queremos centrar os nosos esforzos en xerar novas oportunidades laborais para persoas que se atopan desempregadas, de modo que ofrecemos formación e asesoramento individualizado, durante tres meses, para acompañar a quenes teñan unha idea de negocio e axudarlles a convertela nun proxecto de futuro”, explicou a rexedora.

En total haberá 15 prazas dispoñibles. Os interesados poden solicitar toda a información a través do correo electrónico cwlugo@eoi.es ou no teléfono 982 297 468. As inscricións abrirán a comezos de setembro e o inicio da docencia está previsto para o mes de outubro.

A formación será maioritariamente presencial, a través do Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI Nodus), situado na Avenida da Coruña. Para participar será requisito imprescindible atoparse desempregado e levar un mínimo de 12 meses dos últimos 18 nesta situación.

O equipo docente estará formado por mentores e especialistas que atenderán de maneira individualizada a cada un dos participantes para axudarlles a validar a súa idea de negocio, propiciándolles as claves para optimizar os seus proxectos.

Noticias relacionadas