Lara Méndez impulsa a organización de mercadiños no Miño para promover os produtos locais e dinamizar a contorna fluvial

Os mercadiños terán lugar os últimos dous domingos de xullo de 11 a 15 h. e de 17 a 21 h. Contarán con obradoiros infantís, música, concursos e zona de pícnic.

Lara Méndez: “O obxectivo é achegar os produtos de km0 ao público nun ambiente distentido e nun entorno natural único como é a ribeira do Miño”

En cada cita haberá 20 prazas para comercios da cidade e 10 para particulares, asociacións e colectivos que desexen presentar ou vender os seus produtos.

O prazo de inscrición como expositores nos mercadiños estará aberto ata 3 días antes da data de inicio na páxina web www.localmentelucense.gal/mercados.

Domingo, 17 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa a organización de mercadiños no Miño para promover os produtos locais e dinamizar a contorna fluvial

Mercadiños á beira do Miño para promover os produtos locais e dinamizar a contorna fluvial. É a nova iniciativa do Goberno de Lara Méndez para os últimos dous domingos de xullo, enmarcada no movemento Localmente Lucense. “Serán mercadiños multidisciplinares nos que haberá postos de comercios da cidade, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, así como unha zona decorada para facer pícnic, música ambiente e concursos”, explicou a rexedora.

Lara Méndez subliñou que “en cada cita haberá vinte prazas para comercios da cidade e dez para particulares, asociacións e colectivos que desexen presentar ou vender os seus produtos, así, o obxectivo é achegar artigos de km0 e de establecementos de proximidade do municipio ao público nun ambiente distendido e nun entorno natural único como é a ribeira do Miño, moi concorrida durante os meses de verán”.

Neste senso, os mercadiños celebraranse o domingo 24 e o 31 de xullo, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, para facilitar a participación de comerciantes e que poidan ofrecer os seus produtos fóra da tenda. O prazo de inscrición como expositores nos mercadiños estará aberto ata 3 días antes da data de inicio na páxina web www.localmentelucense.gal/mercados, onde se atopan as bases e toda a información.

Nos mercadiños haberá postos de comercios locais, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, zona decorada para facer pícnic (reserva de parcelas en www.localmentelucense.gal/mercados), música ambiente, photocall e concursos con premios por valor de 1000 euros cada día en vales de compras nos comercios adheridos ao movemento Localmente Lucense.

Programación dos mercadiños

A estrutura xeral dos mercadiños será a seguinte:

  • 11.00 h. Apertura
  • 11.00 h. Presentación do concurso Á procura de LOL
  • 11.30 h. - 13.30 h. Actividade infantil
  • De 13.30 h. a 15.00 h. LocaLmente Lucense para a veciñanza
  • 15.00 h. Concurso PICNIC DE POSTAL!
  • 17.00 h. Apertura de postos
  • 18.00 h. - 19.00 h. Actividade infantil
  • De 20.00 h. a 21.00 h. LocaLmente Lucense para a veciñanza
  • 21.00 h. Entrega de premios

Concurso “Pícnic de postal”

As persoas que soliciten unha parcela na zona de pícnic poderán participar no concurso “Pícnic de postal”, que premiará ás mellores parcelas decorada ao estilo Localmente Lucense (premio en vales de compras nalgún dos máis de 600 comercios adheridos ao movemento LocaLmente Lucense). O xurado reunirase antes das 20:00h para deliberar e emitir a súa avaliación en base á presencia de elementos típicos dun pícnic e a beleza plástica da imaxe.

Ás 20:30h farase entrega de tres premios con dotacións en vales de compras de:

  • 1º PREMIO: 250€
  • 2º PREMIO: 125€
  • 3º PREMIO: 75€

Concurso “Á procura do Lol”

Durante a xornada de mercadiño, agacharanse varios obxectos co logo de Localmente Lucense. Cando sexan atopados polos participantes darán dereito a un premio. Haberá un total de 25 obxectos cunha dotación total de 500€ en vales:

  • 2 vales de 50€
  • 3 vales de 30€
  • 4 vales de 25€
  • 5 vales de 20€
  • 11 vales de 10€

As persoas que atopen os obxectos deberán levalos ao posto de información do mercadiño onde poderán trocalos polo vale correspondente.

Noticias relacionadas