Lara Méndez cualifica a 265 edición do San Froilán como un novo éxito e destaca que a cidade fora, á vez, un escenario vivo e un gran exemplo de conviencia cívica

A rexedora puxo en valor o traballo realizado polos servizos de limpeza que nos dous fines de semana retiraron máis de 667.000 kilos de lixo do muncipio

Luns, 14 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

“Outro San Froilán existoso”. Con esas verbas foi como a rexedora de Lugo, Lara Méndez, avaliaba a celebración das festas patronais que este ano cumpriron 265 edicións.

Esta mañá, a alcaldesa valoraba “moi positivamente” os festexos que, “nunha nova ocasión, converteron a nosa cidade nun gran escenario, nun espazo de ocio para lucenses e visitantes e, ao mesmo tempo, en todo un exemplo de convivencia cívica”.

Precisamente, Lara Méndez sinalaba a importancia de que durante estas semanas non se houberan producido nin incidencias graves nin altercados destacados “cumpríndose o máximo obxectivo que tiñamos establecido: o de acadar un San Froilán espléndido pero tamén tranquilo e, sobre todo seguro, grazas á coordinación dos diferentes departamentos municipais e á implicación das e dos seus traballadores”.

A rexedora poñía como exemplo o importante dispositivo, organizado dende a área de Medio Ambiente, no que ten que ver co servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, “para que a nosa cidade non fora só un escenario vivo senón tamén un gran escaparate que convidase ao paseo e ao goce das actividades e espectáculos”.

Desta forma, Lara Méndez lembrou que durante todos os días que duraron as festas se tivo especial consideración coa programación elaborada para planificar as tarefas de aseo e retirada de residuos, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de actividades, se agardaba unha elevada presenza de público.

Así mesmo, a alcaldesa subliñou que houbo reforzos en tódolos turnos, especialmente, durante os fines de semana, cando tamén se habilitaron na contorna 30 contedores máis de quita e pon, a maiores dos 75 habituais.

“A nosa intención foi anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabiamos, ían derivar os festexos, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, materiais e humanos, que estaban á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se ían rexistrar concentracións de xente co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible”, referiu Lara Méndez.

Así, entre os dous fines de semana festivos - de venres a luns - os operarios recolleron máis de 667.000 kilos de desperdicios no municipio. Especialmente destacadas foron as cifras dos sábados 5 - 130.440 kilos - e 12 - 115.660 kilos – asi como a do pasado venres, día 11, cando só nesa xornada se recolleron 120.200 kg de refugallos.

“Cifras moi considerables se temos en conta que superan a media de retirada diaria que ronda as 107 / 110 toneladas por xornada, o que pon de manifesto o elevado esforzo realizado estas semanas para manter a capital impecable durante o San Froilán”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o éxito do San Froilán 2019 | Descargar mp3

Noticias relacionadas