Lara Méndez converte Lugo na cidade máis cardioprotexida do noroeste ao triplicar o cociente español de desfibriladores

A alcaldesa, que supervisou a instalación do primeiro dos 67 novos dispositivos que se colocarán en todo o municipio, destacou a importancia de “investir en salvar vidas”.

O programa ‘Lugo con Corazón’ trata de reverter as cifras de falecementos no municipio: das 250 paradas cardíacas anuais, só un 20% dos afectados chega vivo ao hospital.

Juanatey, xefe de cardioloxía do HULA, destacou a transcendencia desta iniciativa xa que dos 50.000 casos que se producen cada día, 30.000 son fóra do ámbito hospitalario.

O Concello porá en marcha programas de formación no uso destes aparatos de reanimación cardiopulmonar para os traballadores do Concello e tamén para a veciñanza.

Dotarase deste servizo aos edificios municipais e se colocarán en dez espazos públicos  exteriores, alén de dispoñer de desfibriladores móbiles para a Policía e colectivos.

Venres, 25 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez converte Lugo na cidade máis cardioprotexida do noroeste ao triplicar o cociente español de desfibriladores

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou hoxe o inicio da instalación de desfibriladores semiautomáticos no municipio dentro do programa municipal ‘Lugo con Corazón’, “unha iniciativa moi importante xa que, a pesar de que desde os concellos non temos as competencias en saúde, cremos fundamental investir en salvar vidas”.

A rexedora sostivo que con esta iniciativa, “queremos reverter as cifras actuais de falecementos por parada cardíaca en Lugo”, xa que se rexistran 250 ao ano, e só un 20% das persoas que os sofren chegan con vida ao hospital. “É fundamental actuar con rapidez”, incidiu.

Estras declaracións fíxoas no edificio de servizos administrativos do Seminario, onde se colocou o primeiro dos 67 novos desfibriladores que se porán en servizo, 47 en dependencias municipais da zona urbana e rural, dez en zonas exteriores como prazas públicas e parques, e outros dez para os vehículos da Policía e outros servizos de emerxencia, que tamén poderán ser solicitados de xeito puntual polos colectivos e entidades da cidade.

A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Olga López; de Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA; do presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, e do presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez.

Méndez incidiu en que, a pesar de que a Xunta de Galicia non obriga a instalación destes dispositivos como xa fan outras comunidades, “desde o Concello cremos de especial importancia investir en salvar vidas, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa redúcese a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%”.

Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, lembrou que en España se dan 50.000 paradas cardíacas ao día, das que 30.000 se producen fóra do ámbito hospitalario e, desas 1 de cada 3 é nun lugar público, “polo que hai que felicitar esta iniciativa do Concello de Lugo, que é transcendental para iniciar esa cadea de supervivencia”.

Juanatey destacou que co programa ‘Lugo con Corazón’, o municipio triplicará o cociente español do número de desfibriladores por habitante. Lembrou, así mesmo, que as paradas que se producen na rúa son presenciadas na maioría dos casos pola cidadanía, “por iso é tan importante  formar e concienciar á poboación”.

“Dende o Goberno Local  consideramos importante non só que haxa desfibriladores en espazos de traballo, educación, deporte e lecer, senón tamén a formación, tanto a do persoal municipal coma a de toda a sociedade, para o seu correcto uso e poder axudar de forma eficaz a salvar unha vida”, avanzou a alcaldesa, que explicou que os cursos que se levarán a cabo sobre manexo de desfibriladores para a cidadanía serán impartidos pola Cruz Vermella.

A rexedora animou aos resto de administracións e institucións a contar tamén con estes dispositivos cando nas súas instalacións entren un alto número de persoas.

O presidente da Cruz Vermella,  Luis Abelleira, explicou que os cursos, dos que o Concello de Lugo informará proximamente, se desenvolverán en colaboración coa Federación de Veciños para chegar a canta máis poboación mellor.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os desfibriladores | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez converte Lugo na cidade máis cardioprotexida do noroeste ao triplicar o cociente español de desfibriladores
  • Lara Méndez converte Lugo na cidade máis cardioprotexida do noroeste ao triplicar o cociente español de desfibriladores

Noticias relacionadas