Lara Méndez anuncia a renovación e ampliación do parque infantil de Roi Xordo, fronte ao CEIP Illa Verde, que pasará de 87 a 147 m2

A rexedora dá así resposta a unha demanda veciñal para mellorar unha dotación moi empregada polos nenos e nenas do colexio e do barrio de Fingoi.

Lara Méndez: “A intervención, ademais de mellorar a estética do espazo, permitirá instalar dous novos xogos e incrementar as condicións de seguridade do espazo”.

Os traballos inclúen a instalación de pavimento de caucho de cores, renovación dos actuais xogos e a instalación dunha torre multixogo con tobogán e un balancín dobre.

Martes, 31 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia a renovación e ampliación do parque infantil de Roi Xordo, fronte ao CEIP Illa Verde, que pasará de 87 a 147 m2

O Goberno de Lara Méndez modernizará e ampliará o parque infantil da rúa Roi Xordo, situado fronte á porta principal de entrada ao colexio público Illa Verde. A alcaldesa, acompañada do edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, visitou hoxe a área de xogos na que xa comezaron as obras da renovación integral, que “ademais de supoñer unha mellora estética xeral do espazo, permitirá instalar dous novos xogos e incrementar as condicións de seguridade destas instalacións”, apuntou Méndez.

A rexedora explicou que se trata dun parque “moi frecuentado polos nenos e nenas do colexio e do barrio de Fingoi, polo que as súas dimensións actuais resultan reducidas para a cantidade de usuarios que acolle habitualmente; deste xeito, queremos dar resposta a unha demanda veciñal e, para iso, ampliaremos a área de xogos que pasará dos 87 m2 actuais a aproximadamente 147m2”.

O executivo municipal destinará 48.339 euros a acometer estes traballos que inclúen a ampliación da área de xogos, nunhas dimensións de 9,00x6,00 metros, cara o lindeiro este do recinto e a incorporación do beirrarúas perimetral que rodea o parque dentro do recinto de xogos; a renovación completa do chan, con instalación de pavimento de caucho de cores; a reparación e adaptación dos xogos existentes (lixado, pintado, barnizado e reposición de pezas deterioradas), así como a súa reubicación na nova superficie, xunto coa instalación de dous novos xogos para completar o espazo que se amplía.

En concreto, instalarase un multixogo con torre –no que os nenos e nenas gozarán de tobogán, rede de escalada, paneis lúdicos e mostradores, balcón e escaleira– e un balancín con temática de vehículos, con capacidade para 4 nenos/as. Por outra banda, tamén se levará a cabo a desmontaxe de valado existente e colocación de novo valado de madeira de características semellantes ao existente. “O prazo máximo de execución das obras será de tres meses”, subliñou a rexedora.

O Concello segue avanzando, deste xeito, na renovación e mellora dos parques infantís da cidade, atendendo ás demandas das persoas residentes nos diferentes barrios da capital e que, neste caso, instaban ao acondicionamento do recinto debido a que o volume de usuarios das dotacións redundou tamén no seu desgaste.

Multimedia

  • Lara Méndez anuncia a renovación e ampliación do parque infantil de Roi Xordo, fronte ao CEIP Illa Verde, que pasará de 87 a 147 m2

Noticias relacionadas