O espazo, situado no barrio do Carme, ofrece case 770 m2 de zona verde integrada por especies autóctonas e contará, próximamente, cun conxunto escultórico que presidirá o xardín.
Alén de crear un novo punto de lecer, a intervención serviu para mellorar a accesiblidade da Vía XIX e o Camiño Primitivo, habilitando un itinerario alternativo á escalinata da Rolda do Carme.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, anunciaron hoxe que o Parque da Lembranza se atopa xa aberto ao público.
Esta nova zona verde do barrio do Carme, promovida polo Executivo municipal, ten unha destacada pegada simbólica en tanto pretende ser unha homenaxe ás vítimas da Covid-19, así como a todo o persoal que loitou en primeira liña e segue loitando contra a pandemia.
A rexedora lembrou que neste espazo, “a cidadanía lucense poderá atopar un lugar de reflexión ao acougo que brindan as especies autóctonas coa que se reforestou a área” que aglutina catro parcelas municipais nunha superficie de case 770 m2, situadas entre a Rolda do Carme e o Regueiro dos Hortos.
Os labores, iniciados en setembro, incluíron a creación de camiños, plantación de céspede e vexetación arbórea, así como a instalación de alumeado e de mobiliario urbano, “co obxectivo de habilitar un novo emprazamento nun dos barrios máis emblemáticos da capital, para o lecer da poboación, incrementando a oferta de zonas verdes en Lugo”, indicou Méndez.
A rexedora sinalou que a actuación solucionou, alén, o problema de accesibilidade existente desde o Regueiro dos Hortos ata a Rolda do Carme – onde actualmente existen unhas escaleiras recentemente restauradas – mellorando a mobilidade nunha contorna tan sensible e frecuentada como a Vía XIX e o Camiño Primitivo.
Conxunto escultórico
A alcaldesa lucense engadiu, así mesmo, que este novo parque estará presidido por un conxunto escultórico en homenaxe tanto ás vítimas da Covid-19 como ás e aos profesionais que combateron activamente os efectos da crise sanitaria no que o Goberno local traballa para propiciar a súa instalación proximamente.