Intenso movemento turístico en Lugo na Semana Santa

Máis de 3.600 persoas pasaron durante a Semana Santa pola Oficina Municipal de Turismo así como polos museos municipais e participaron nas rutas organizadas polo Concello pola cidade e polo Camiño Primitivo e A Ponte

Luns, 28 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Intenso movemento turístico en Lugo na Semana Santa

Máis de 3.600 persoas pasaron durante a Semana Santa luguesa pola Oficina Municipal de Turismo así como polos museos municipais e polas rutas organizadas polo Concello pola cidade, polo Camiño Primitivo e polo barrio de A Ponte. Así o anunciou este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que o centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu a máis de 1.400 persoas, manténdose o número con respecto ao ano pasado, e supoñendo un 7% máis que o 2014. O xoves e venres 24 e 25 foron os días que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 696.

Carmen Basadre destacou os datos positivos que ano tras ano rexistra a cidade nestas datas, o que pon de manifesto que a cidade de Lugo é un destino turístico consolidado en Semana Santa, rexistrándose este ano un intenso movemento turístico. Outro dos datos máis relevantes que acreditan que a cidade de Lugo acolleu a un amplo número de turistas foi a ocupación hoteleira, que alcanzou o 87%, aumentando un punto porcentual con respecto ao 2015. A edil tamén insitiu nun traballo conxunto para conseguir desestacionalizar o turismo.

Durante a pasada semana, pasaron pola oficina de turismo municipal máis de 1.300 viaxeiros nacionais, o que supón un 94,5% do total. Dentro da comunidade galega, os visitantes coruñeses e pontevedreses continúan estando á cabeza, como o resto do ano. Polo que respecta a turistas foráneos, pola Praza do Campo pasaron máis de 70 estranxeiros, dos cales o 70% procede de Europa. Estes días tamén visitaron a cidade 19 americanos.

Visita aos museos

Os museos municipais de Lugo recibiron a visita de máis de 2.000 persoas, asegurou a edil, quen subliñou que a Casa dos Mosaicos foi o centro expositivo máis visitado, 752 visitas, seguido da Domus do Mitreo, con 728, e o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), con 304. Ao Centro Arqueolóxico San Roque e a Sala de Exposicións Porta Miña achegáronse máis de 220 persoas.

Andainas pola cidade, o Camiño Primitivo e A Ponte

Por outra banda, Carmen Basadre destacou a positiva resposta que recibiu o programa gratuíto de visitas guiadas pola cidade, o Camiño Primitivo e A Ponte posto en marcha polo Concello como reclamo turístico, “o que convertiu a Lugo nun museo natural”. Máis de 220 persoas participaron nestas andainas, rexistrando maior participación a do Camiño Primitivo do 23 de marzo, e as da cidade, os días 24, 25 e 26, con preto de 140 participantes, dos cales a maioría procedían de Madrid e do País Vasco. En canto aos estranxeiros, nestas andainas participaron canadienses.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o movemento turístico en Lugo na Semana Santa |Descargar mp3

Noticias relacionadas