Este Nadal, en busca do Tesouro polo Camiño Primitivo

Trátase dunha alternativa máis do Concello para estas datas festivas, que ten por obxectivo que os mozos e mozas de Lugo o pasen ben mentres coñecen mellor un dos Bens Mundiais cos que conta a cidade

As persoas interesadas en participar, dende os 16 aos 35 anos, deben inscribirse no 010 antes do 26 de decembro. Participarase por grupos. Existen dous premios que consisten nun día de esquí con todo incluído en Leitaregos

Martes, 19 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Este Nadal, en busca do Tesouro polo Camiño Primitivo

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, organiza para o mércores 27 de decembro, a partir das 16:00 horas, unha xornada de busca do tesouro polo Camiño Primitivo. Trátase dunha alternativa máis do Concello para a época do Nadal, que ten por obxectivo que os mozos e mozas de Lugo o pasen ben mentres coñecen mellor un dos Bens Mundiais cos que conta a cidade.

Con esta busca de tesouro, as persoas participantes, que formarán grupos de 3 debendo permanecer sempre xuntas, realizarán un percorrido polo Camiño Primitivo no que se atoparán 10 probas distintas. Neste camiño haberá 10 monitores caracterizados de pelegrín e cada un destes monitores entregará aos e ás particpantes as probas que teñen que realizar. Unha vez resoltas as probas débese dicir a solución ao mesmo monitor e no caso de resolvelas, o monitor entregará ao participante unha reliquia e poñerá un selo na tarxeta do pelegrín. En caso de non resolvelas, soamente se selará a compostelana e non se entregará a reliquia, o que supón a perda de 1 punto; no caso de non realizar ningunha proba as persoas participantes perderán 2 puntos. Pódense conseguri de cada monitor un máximo de 3 puntos e haberá un punto extra valorado polo monitor dependendo da orixinalidade ou rapidez, entre outros parámetros. Cada grupo levará moedas que poden ser usadas para facer trocos coa xente da rúa.

As persoas gañadoras deste xogo serán os dous primeiros grupos que primeiro cheguen á Praza Maior e devolvan as 10 reliquias ao cofre do tesouro. O límite da chegada é as 20:30 horas. O premio é un día na estación de esquí de Leitaregos.

As persoas interesadas en participar, dende os 16 aos 35 anos, deben inscribirse no Servizo de Información Municipal 010 antes do 26 de decembro. Máis información na Casa da Xuventude, en Xesús Bal y Gay s/n, no teléfono 982-29-74-44 ou na OMIX, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.

Documento

Noticias relacionadas