Efectivos do Parque de Bombeiros fórmanse estes días nun curso sobre operativos de rescate en accidentes de tráfico

Venres, 20 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Efectivos do Parque de Bombeiros fórmanse estes días nun curso sobre operativos de rescate en accidentes de tráfico

Os bombeiros de Lugo recibiron durante esta semana un curso de formación dirixido inicialmente aos efectivos de recente incorporación, aínda que estivo aberto a todo o Corpo coa fin de que servira como reciclaxe para o resto de compañeiros do parque municipal.

O contido do mesmo gardou relación cos rescates en accidentes de tráfico, dividíndose en tres partes fundamentais como é a estabilización de vehículos, as técnicas de excarceración e a extracción de vítimas dos automóbiles así como actuacións no caso de modelos híbridos.

Estes días, os efectivos puideron coñecer cal é o procedemento que se desenvolve en cada intervención e que, de igual xeito que en todas as demais emerxencias, comeza pola recepción da chamada na Central.

“É moi importante que esta persoa recolla todos aqueles datos que poden ser de interese para o desenvolvemento da actuación, tales como, presenza de vítimas atrapadas, o tipo de colisión, a tipoloxía de vehículo (gasolina, híbridos, etc.), a existencia de mercadorías perigosas, etc”, explica o sarxento.

Miguel López Palacios refire que, “aínda que cada accidente é diferente, débese establecer un procedemento de traballo común a todos eles coa finalidade de aumentar a eficacia e eficiencia da nosa intervención, así como a seguridade, tanto a das posibles vítimas, como a dos propios bombeiros. Para iso cada traballador debe ter claro cal é o seu rol. Este procedemento inclúe, por exemplo, o posicionamento do camión de bombeiros no lugar do accidente, a zonificación do espazo de traballo, a estabilización do vehículo, a técnica empregada para a excarceración dos posibles atrapados, etc”.

Un módulo do curso estivo orientado, á súa vez, a vehículos híbridos, xa que a chegada das novas tecnoloxías obrigou aos Servizos de Emerxencia a actualizar os seus métodos tradicionais de intervención.

“Aparecen novos riscos que hai que coñecer e minimizar, como é o caso dos vehículos híbridos ou eléctricos, os cales están sometidos a tensión eléctrica. O mesmo sucede cos de Autogas, que aloxan no seu interior pequenos depósitos de gas licuado de petróleo. Este curso permitiunos coñecer cales son os pasos para seguir en cada caso”, referiu Miguel López.

“Esta semana tamén puidemos reciclar os coñecementos todos os compañeiros que levamos máis tempo no Servizo – abondou o sarxento. Algúns dos novos xa traballaban como bombeiros noutros parques de Galicia; outros empezan de cero, pero en xeral, o que se desprendeu no ambiente foron as ganas de formarse de todos, tanto dos novos como dos veteranos”.

Unha das prácticas máis rechamantes que os bombeiros realizaron estes días, e que forma parte do seu traballo habitual, é a abordaxe dun vehículo envorcado en cuxo interior existen persoas atrapadas.  “Por desgraza, os accidentes de tráfico son unha das intervencións que máis mobilizan aos Servizos de Bombeiros. De forma xeral, acudimos a un accidente de tráfico cando hai vítimas atrapadas. Isto implica que moitas veces convertámonos na última esperanza para os accidentados. Por este motivo, debemos de facer especial fincapé na formación dos traballadores, para poder optimizar o noso traballo e ofrecer un maior nivel de seguridade á cidadanía”, concluíu Miguel López Palacios.

Multimedia

  • Efectivos do Parque de Bombeiros fórmanse estes días nun curso sobre operativos de rescate en accidentes de tráfico
  • Efectivos do Parque de Bombeiros fórmanse estes días nun curso sobre operativos de rescate en accidentes de tráfico
  • Efectivos do Parque de Bombeiros fórmanse estes días nun curso sobre operativos de rescate en accidentes de tráfico

Noticias relacionadas