Desenvolvemento Local habilita unha nova convocatoria de axudas para impulsar a recuperación económica dende o tecido asociativo

A Xunta de Goberno aprobará esta semana as bases das subvencións, creadas para pular pola dinamización da cidade trala pandemia, e coas que se pretende que as entidades sen ánimo de lucro contribúan a xerar emprego.

Martes, 10 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Desenvolvemento Local habilita unha nova convocatoria de axudas para impulsar a recuperación económica dende o tecido asociativo

O Executivo de Lara Méndez, a través da Área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a tenente de alcaldesa Ana González Abelleira, convocará 40.000 euros en axudas para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo proxectos que dinamicen a economía lucense.

Trátase da terceira edición do plan plurianual no que se enmarcan estas subvencións, habilitadas en 2020 como revulsivo ás consecuencias sociais nas que comezaba a derivar a pandemia e coas que, dende o Concello, se pretende seguir ofrecendo apoio a todas aquelas iniciativas locais coas que se acade a xeración de emprego.

A edil explicou que, este mércores, a Xunta de Goberno aprobará as bases do procedemento no que os criterios de valoración puntúan a inclusión de actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres para combater a discriminación feminina, que na composición da directiva exista un número de mulleres superior ao 50% e que a actuación vaia dirixida a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral ou que se fomente a dixitalización e o uso de redes sociais e das TIC.

Toda vez que o seu anuncio se publique no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse a estas achegas – que terán unha contía máxima de 3.000 € coa que se pode cubrir até o 90% da acción - as entidades sen animo de lucro que, tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento, promoción económica, comercio e formación empresarial que persigan a mellora e recuperación do municipio e a creación de emprego, autoemprego ou de novas empresas.

Audio

  • A edil da área de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, sobre as subvencións no tecido asociativo do 2022 | Descargar mp3

Noticias relacionadas