Concello e Tropa Verde premia a reciclaxe nos centros educativos de Lugo

Lara Méndez, Daniel Piñeiro, Ricardo Vila e Luis Abelleira entregaron os premios da campaña Reciclar na escola ten premio, na que participaron 6 colexios da cidade e máis de 700 cativos e cativas

A Alcaldesa agradeceu a implicación tanto dos cativos e cativas, como da comunidade educativa e dos pais e nais nesta iniciativa “que conxuga o respecto polo medio ambiente dende pequenos e a solidariedade"

Xoves, 16 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Tropa Verde premia a reciclaxe nos centros educativos de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñerio, o socio fundador da empresa Teimas, encargada da iniciativa Tropa Verde, Ricardo Vila, e o presidente de Cruz Vermella Lugo, Luis Abelleira, entregaron este xoves os premios da campaña Reciclar na escola ten premio. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Concello, a través de Tropa Verde, que se desenvolveu no pasado mes de decembro, para concienciar aos e ás escolares sobre a reciclaxe e a reutilización.

A finalidade era incentivar a responsabilidade ambiental nos cativos e cativas, así como nas súas familias, mediante un concurso con diferentes recompensas, contribuíndo así á redución dos residuos e optimizando a xestión destes. Neste caso, o proxecto implicaba a recollida de xoguetes para a súa posterior doazón, dado as proximidades das datas de Nadal.

Reciclar na escola ten premio ía dirixida a estudantes de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. En total, participaron 6 colexios da nosa cidade, 31 clases, dos centros de A Ponte, Menéndez Pelayo, Cervantes, Casás, Rosalía de Castro e Fingoi.

O primeiro premio recaeu na clase de 3ºA do CEIP Rosalía de Castro, o segundo, na de 3ª do CEIP A Ponte e o terceiro e último premio, na aula de 4º de primaria tamén do CEIP A Ponte. Trátase dun premio dedicado ás clases que máis xoguetes reuniron en bo estado. En total recolléronse 2.548 xoguetes.

A rexedora agradeceu a implicación tanto dos cativos e cativas, como da comunidade educativa e dos pais e nais nesta iniciativa “que conxuga o respecto polo medio ambiente dende pequenos, e a solidariedade", pois os xoguetes recollidos doáronse a  nenos e nenas con menos recursos. Lara Méndez, quen convidou ao alumnado a seguir nesta liña, destacou “a boa acollida que tivo esta iniciativa, na que participaron máis de setecentos cativos e que se recadaron máis de 2.500 xoguetes”.

Noticias relacionadas