Concello, Deputación e veciños poñen en valor os produtos autóctonos e artesanais coa XIX Feira de San Isidro da Milagrosa

Lara Méndez, Darío Campos, Jesús Vázquez e Constantino Casanova presentaron o certame, que se celebrará na Praza Agro do Rolo esta fin de semana

Nesta edición, que prevé atraer a 12.000 visitantes, daranse cita máis de 120 expositores de Galicia, Portugal, Asturias, Zamora ou Estremadura

Martes, 24 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e veciños poñen en valor os produtos autóctonos e artesanais coa XIX Feira de San Isidro da Milagrosa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, o Presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, e o xerente da Feira de San Isidro, Constantino Casanova, presentaron este martes no Salón de Plenos a XIX Feira de San Isidro da Milagrosa, que acollerá a Praza Agro do Rolo esta fin de semana.

No acto de presentación, a rexedora agradeceu o esforzo da asociación, tanto por organizar esta edición, como polas dezaoito anteriores, que fan posible a deste ano. Neste senso, destacou o crecemento desta feira, que pasou de acoller 20 postos no seu inicio aos 120 que van participar nesta edición, aos que hai que sumar entre os 25 e 30 que quedaron en lista de espera. Isto “pon de manifesto a importancia da Feira de San Isidro a nivel local, provincial e autonómico, así como o feito de que exista demanda de produtores e artesáns de fóra de Galicia”. A rexedora definiu o certame como “un gran escaparate dun barrio activo, dinámico, senlleiro, acolledor, hospitalario e de boa xente”.

“Durante estes días seremos o epicentro da provincia e de Galicia”, asegurou Lara Méndez, quen convidou a todos os lucenses e visitantes a achegarse a unha feira que é capaz de “dinamizar o barrio da Milagrosa, o comercio, un sector fundamental para Lugo, e, en definitiva, a vida da cidade”.

Pola súa banda, Campos Conde remarcou que a Deputación colabora un ano máis nesta nova edición “xa que este evento estase convertendo nun referente na promoción de produtos autóctonos de calidade de todo o norte peninsular”. Neste senso, o Presidente da entidade provincial subliñou que esta feira “é un verdadeiro revulsivo e unha oportunidade para impulsar o comercio dos pequenos e medianos empresarios da provincia”. A Deputación colabora tamén coas demostracións en vivo de artesanía a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD). 

Humanización de Agro do Rolo

Pola súa banda, Jesús Vazquez agradeceu a “colaboración decisiva” do Concello e da Deputación para dar continuidade a esta feira, que naceu para render homenaxe ás orixes rurais dos residentes no barrio da Milagrosa. O presidente da asociación aproveitou para dar conta das xestións, “que van por bo camiño” para humanizar a Praza Agro do Rolo, “accións coas que está moi conciencidada a Alcaldesa”, un entorno que acollerá esta feira, e que se dotou de bancos e de árbores recentemente. Vázquez indicou que “algún día a ministra de Fomento terá que explicar porque unha das súas primeiras medidas foi suprimir 200.000 euros para este fin”.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que coa aprobación definitiva dos Orzamentos deste ano o Concello pode iniciar actuacións para humanizar a praza, na que, indicou, está prevista a dotación dunha zona infantil cuberta.

Máis de 120 expositores

Jesús Vázquez explicou os detalles desta nova edición da feira, que prevé atraer a 12.0000 visitantes nos tres días que dura o evento, cunha media de visitas de 4.000 por día. Na Praza Agro do Rolo daranse cita máis de 120 expositores e artesáns procedentes de toda Galicia, Portugal, Asturias, Zamora ou Estremadura. Esta cita engloba o Día da Provincia, o venres 27 de maio, o Día do Barrio, o sábado 28, e o Día da Cidade, o domingo 29 de maio.

Nesta cita, os lucenses poderán adquirir produtos como queixo de Friol, viños da Ribeira Sacra ou embutidos da Montaña, entre outros. Ademais de produtos agroalimentarios haberá mostras de tear, de vimbio, de coiro e de cestería. Os asistentes poderán tomar parte nas festas gastronómicas previstas para os tres días do evento, de rosquillas –repartiranse unhas 1.500-, do chourizo á parrilla -1.500- e de mazá asada -1.000-. Tamén haberá exhibicións de baile e actuacións musicais. O pregón inaugural será a cargo da xornalista María Piñeiro. Os actos tamén engloban a entrega dos galardóns José Carballido aos mellores 10 stands da feira.

Noticias relacionadas