Concello de Lugo e a USC dan á benvida ao novo alumnado cun completo programa conxunto de actividades

A Alcaldesa, Lara Méndez, e o vicerreitor, Francisco Fraga, poñen en valor os recursos da administración local lucense e da Universidade para a mocidade.

As xornadas baixo o nome ‘BenVida USC 2022’, terán lugar do 13 ao 15 de setembro.

Martes, 06 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello de Lugo e a USC dan á benvida ao novo alumnado cun completo programa conxunto de actividades

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe co vicerreitor do Campus lucense, Francisco Fraga, a programación de tres días de actividades coas que o Concello e a USC lle dan a benvida ao novo alumnado á cidade, acto no que tamén estivo presente o concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, e Pilar Murias, Vicerreitora de Estudantes e Cultura.

As xornadas, baixo o nome ‘BenVida USC 2022’, desenvolveranse 13 ao 15 de setembro, e están pensadas para dar a coñecer os servizos e alternativas formativas, culturais e deportivas a disposición da mocidade neste ano escolar.

A rexedora deullos os parabéns ao equipo directivo da Universidade e ao equipo docente polo traballo que están a realizar, “calidade que contribúe sen ningunha dúbida ao incremento de alumnos que optan por Lugo para a súa formación, así como o acerto na implantación dos novos graos”, sostivo, á vez que puxo en valor á cidade, “que moitos elixen tamén pola súa boa calidade de vida e porque atopan nela non só a amabilidade dos e das lucenses senón tamén excelentes instalacións deportivas e moita actividade cultural e de ocio”.

Méndez tendeu a man á USC “para seguir as liñas de colaboración que mantemos abertas desde varios ámbitos, porque as administracións e institucións debemos ter sempre o ánimo da cooperación para ofrecer os mellores servizos e traballar xuntas polo futuro de Lugo”.

As actividades coas que o Concello contribuirá a darlle á benvida ao estudantado neste programa consistirán en visitas guiadas pola cidade, unha delas nocturna e outra por toda a riqueza do arte urbano de Lugo, un roteiro fotográfico polo campus, música en directo, con concertos tanto de grupos locais coma do resto de Galicia, e sesións de DJs. Tamén, o executivo Local dará apoio nas distintas masterclass e actividades deportivas.

Pola súa banda, o Vicerreitor do Campus lucense, Francisco Fraga, agradeceu esta nova colaboración, que estreita aínda máis as relacións que favorecen o crecemento do Campus xa que “é difícil que unha universidade sexa forte se as institucións non están implicadas”.

Para poder participar nas actividades programas, os interesados poderán facer a inscrición a través da web: https://www.usc.gal/gl/campusterra

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, da a benvida ós novos alumnos da USC | Descargar mp3

Multimedia

  • Concello de Lugo e a USC dan á benvida ao novo alumnado cun completo programa conxunto de actividades

Noticias relacionadas