A concellería de Muller instalará un punto violeta para gozar dun Caudal Fest libre de agresións machistas

No mesmo levaranse a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas.

Venres, 09 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Muller instalará un punto violeta para gozar dun Caudal Fest libre de agresións machistas

O goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, instalará un punto violeta con motivo da celebración do Caudal Fest co obxectivo de previr as agresións sexuais que poidan darse no espazo público.

“Os puntos violeta son espazos seguros nos que se ofrece información, asesoramento e atención psicolóxica a adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, en especial para as de carácter sexual” apuntaba a edil.

Neste punto, este ano en forma de caravana morada, levaranse a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas. Estará atendido por unha psicóloga e unha traballadora social, ambas con formación e experiencia acreditada en cuestións de xénero. Co obxectivo de prestar o servizo "máis apropiado en canto a atención e sensibilización ante posibles vítimas, así como o de informar en materia de igualdade á cidadanía en xeral".

Tal e como explicou a concelleira, "a finalidade é de concienciar, previr e gozar de festas libres de acoso e humillación machista. É un lugar onde atopar apoio psicolóxico e para acompañar nos trámites dunha posible denuncia”.

Audio

  • A concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, sobre o punto violeta | Descargar mp3

Noticias relacionadas