A concellería de Benestar programa dúas excursións para as persoas maiores que mesturan cultura, praia e gastronomía

O Executivo de Lara Méndez prepara dúas viaxes a Noia, o 28 deste mes, e á Illa de Arousa, o 3 de setembro, coincidindo coas festas da Empanada e do Polbo.

O prazo para inscribirse na primeira excursión estará aberto dende o luns, 8 de agosto, ao xoves, 11, no Centro de Convivencia Maruja Mallo, en horario de 09.00 a 13.30 horas.

Xoves, 04 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Benestar programa dúas excursións para as persoas maiores que mesturan cultura, praia e gastronomía

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López, programa dúas excursións para veciñanza maior este verán co fin de ofrecerlles unha alternativa na que poidan gozar de destinos que mesturen actividade cultural, praia e gastronomía.

A edil responsable, Olga López, destaca que “estas viaxes, enmarcadas no Programa de Animación Sociocultural e que responden ás peticións realizadas pola veciñanza, lles axudará a socializar e a vivir outras experiencias”.  

A primeira das excursións, fixada para o día 28 deste mes, está pensada para as persoas maiores residentes na zona urbana, e o destino será Noia, aproveitando que o municipio celebra nesa data celebra a súa tradicional Festa da Empanada, unha das estrelas gastronómicas da vila e de toda a comarca.

As e os interesados nesta viaxe poderán apuntarse desde o luns, 8 de agosto, ata o xoves, 11, no Centro de Convivencia Maruja Mallo, en horario das 09.00 ás 13.30 horas. As inscricións realizaranse por rigorosa orde ata cubrir as prazas, un total de 55. A excursión arrincará ás 09:00 horas dende a Praza de Bretaña, regresando ao mesmo punto ás 21.30 horas.

Para inscribirse, deberán aboar 4,12 euros a través do modelo de autoliquidación de taxas e prezos públicos 603 ( http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=603). A comida correrá a cargo das persoas participantes.

A segunda viaxe será previsiblemente o día 3 de setembro, a Illa de Arousa, e está dirixida ás persoas maiores do rural. Nesa data, a vila celebrará a Festa do Polbo. O prazo de inscrición e horario se dará a coñecer nos vindeiros días.

Audio

  • A concelleira de Benestar Social, Olga López, sobre as excursións para a veciñanza | Descargar mp3

Noticias relacionadas