A concellería de Benestar destina 600.000 € ao servizo de comedor do Centro de Día para fornecer a calidade da atención aos maiores

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a apertura do procedemento de licitación para ofrecer almorzos, xantares e merendas ás persoas usuarias do Novo Antonio Gandoy.

Trala oferta económica, os criterios de avaliación primarán especialmente a proximidade ás instalacións da cociña na que se van elaborar os menús.

Entre as melloras que contemplan os pregos figura unha maior variedade das dietas e a subministración de produtos de comercio xusto.

Mércores, 11 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Benestar destina 600.000 € ao servizo de comedor do Centro de Día para fornecer a calidade da atención aos maiores

O Executivo de Lara Méndez aprobou hoxe, en Xunta de Goberno a apertura do procedemento de contratación para prestar un servizo de comida no Centro de Día Novo Antonio Gandoy, fornecendo así a atención que se presta á poboación maior do concello nestas instalacións municipais.

A través desta licitación, a concellería de Benestar pretende, segundo referiu a súa responsable, Olga López Racamonde, ofrecer almorzos, xantares e merendas ás persoas usuarias do centro – que dispón dunha capacidade de 50 prazas – redundando na asistencia integral que reciben durante o seu tempo de estancia”.

A edil explicou que “coa finalidade de velar pola calidade e presentación dos alimentos, polo estado no que chegan á mesa e tendo en conta que as instalacións non permiten a elaboración de ningún tipo de comida nin a rexeneración da abatida en frío, e que mesmo a capacidade de almacenaxe é limitada, dende a área de Benestar primamos, entre os criterios de avaliación das ofertas, a proximidade da cociña onde se elaboren os menús”.

Deste xeito se comprobará a través das aplicacións informáticas existentes as distancias dende o lugar de preparación das comidas até o centro de día, para determinar cal é a ruta máis curta, de forma que as ofertas presentadas poderán recibir até 30 puntos se esta non supera os 5 quilómetros, cun límite máximo de 60 km que xa non sería puntuable.

“Unha proximidade que redundará tamén na capacidade que temos para poder resolver calquera tipo de imprevisto no menor tempo posible e, sobre todo, á vista do perfil das dos beneficiarios que precisan manter unhas rutinas nos seus hábitos diarios ao tempo que pulamos polo emprego e a dinamización económica local”, indicou López Racamonde.

A responsable de área avanzou igualmente que entre as melloras que incorporan os pregos desta adxudicación se inclúe unha maior rotación dos menús para garantir unha diversidade de pratos.

“A periodicidade mínima será de 3 semanas e tamén se terá en conta unha maior variedade no tipo de dietas, xa que se valorará a capacidade das empresas concorrentes para personalizalas en función das necesidades que presenten as e os usuarios, engadindo ás actuais e contempladas como básicas (basal, diabética, fácil mastigación, triturada e adstrinxente) a incorporación da vexeteriana, apta para persoas celíacas, apta para persoas a tratamento con sintrom ou sen carne de cocho”, indicou Olga López.

A concelleira aludiu que, asemade, se valorará a subministración de produtos de comercio xusto para a elaboración do almorzo e a merenda como poden ser o café, o cacao, o azucre, zumes, galletas ou marmeladas.

“A nosa vontade é poder cubrir todas necesidades de atención básica dos nosos maiores e garantirlles a mellor calidade de vida posible, así como evitar a súa institucionalización a través da coordinación optima entre todos os recursos asistenciais, nos que se combinan os coidados físicos e terapéuticos con outros de tipo piscosocial”, concluíu a responsable de Benestar.

O contrato sairá a licitación por un prazo de dous anos, prorrogable por outros tres en periodos anuais – acompasado ao da propia xestión do Centro de Día - tendo un orzamento de 112.808 euros por exercicio, co que se cubren un total de 15.084 xantares, 14.040 almorzos e outras tantas merendas, o que eleva o seu custo total até os 615.512 euros.

Audio

  • A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, sobre o servizo de comida do Centro de Día | Descargar mp3

Noticias relacionadas