COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Servizos destacados durante a fin de semana do 11 ao 13 de xuño de 2021

Luns, 14 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Accidente de circulación con resultado POSITIVO en probas de alcoholemia e drogas

Sobre as 20:30 horas do día 13 de xuño efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo e da Unidade de Atestados do Corpo desprázanse á rúa San Xillao xa que un vehículo chocou contra un poste de madeira da compañía telefónica cortando a circulación.

A condutora do vehículo é sometida ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/l, realizándose tamén test de drogas no que lanza un resultado POSITIVO en COCAÍNA e ANFETAMINAS, instruíndose atestado de circulación. 

Filtros de seguridade viaria

Durante a fin de semana a Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo instruíu atestados por delitos contra a seguridade viaria nos seguintes casos:

- Ás 2:20 horas do día 13 de xuño instrúense dilixencias por delito contra a seguridade viaria contra o condutor dun vehículo presentado por unha patrulla do 091, que foi detectado na rúaRío Navia con signos de embriaguez, lanzando un resultado POSITIVO de 0,66 mg/l.

- Ás 3:40 horas do mesmo día unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a condución irregular dun vehículo, sendo sometido o seu condutor ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,72 mg/l, instruíndose dilixencia por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

- Ás 3:55 horas desa madrugada unha dotación do 091 presenta na Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo ao condutor dun vehículo que circulaba pola Rolda da Muralla con signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 1,02 mg/l, instruíndose tamén dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

- A madrugada do día 12 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo dá o “alto” a un vehículo, sobre as 4:00 horas na Rolda da Muralla, sendo sometido o seu condutor ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,34 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

- A tarde do venres día 11 de xuño, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, detecta a condución irregular dun vehículo pola rúadas Artes (fronte á Xefatura de Policía Local) cuxo condutor foi sometido ás probas regulamentarias para comprobar a presenza de drogas no organismo, a través de equipo drogotest, lanzando un resultado POSITIVO en COCAÍNA, THCe MAMD, procedendo á inmobilización do vehículo e abrindo expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Nos controis realizados durante a fin de semana, nos que participaron efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio dun equipo de Atestados do Corpo, detectouse a circulación de 10 vehículos cuxos titulares non os presentaran á Inspección Técnica Periódica no prazo debido, sendo propostos para sanción de 200 euros a cada un deles.

Así mesmo detectáronse 4 vehículos que carecían de seguro obrigatorio, abríndose expediente sancionador aos seus titulares con multa de 1.500 euros e denunciáronse a 4 titulares por circular cun vehículo dado de baixa.

Así mesmo localizáronse un vehículo sobre o que pesa dúas ordes de precinto da Axencia Tributaria, sendo trasladado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde queda inmobilizado.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 13:30 horas do día 11 de xuño recíbese unha chamada na Sala do 092 na que unha persoa manifesta que leva un día tentando localizar a un familiar, sen éxito, manifestando que padece unha enfermidade neurolóxica e teme que lle pasase algo grave. Que unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode a un edificio da Ronda das Fontiñas e accede ao interior da vivenda atopando a esta persoa sentada no sofá, en bo estado, quedando ao coidado dun veciño e o familiar.

Sobre as 20:00 horas do día 11 de xuño recíbese unha chamada na Sala do 092 na que unha persoa manifesta preocupada que desde hai un tempo non ve á súa veciña, temendo que lle puidese suceder algo grave xa que vive soa. Os axentes acoden á vivenda da rúa Río Sil onde non responde ninguén á porta, pescudando que esa persoa áchase ingresada no HULA desde hai unha semana.

Sobre as 1:45 horas do 12 de xuño unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a unha vivenda de Roi Xordo xa que unha señora de avanzada idade caera no interior da súa vivenda e a familiar coa que convive era incapaz de levantala. Os axentes proceden a incorporala e trasladala ao baño para que fixese as súas necesidades fisiolóxicas e despois á súa cama onde queda a cargo da familia, sen que fose necesaria a intervención dos servizos sanitarios.

Sobre as 4:00 horas do día 14 de xuño unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na Praza de Bispo Odoariounha muller caída na beirarrúa, procedendo a auxiliala e comprobando que sufrira un mareo, polo que se require a presenza dunha ambulancia onde é trasladada ao HULA.

Multimedia

  • COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO
  • COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Noticias relacionadas