Cohesión Social oferta actividades gratuítas para toda a poboación en oito parques e prazas durante xullo e agosto

Durante o verán haberá clases de pilates, ballet fit, relaxación, bioximnasia, ioga, pintura ou respiración, en horario de mañá e tarde, e sen necesidade de inscrición previa.

Sábado, 28 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cohesión Social oferta actividades gratuítas para toda a poboación en oito parques e prazas durante xullo e agosto

A área de Cohesión Social do Concello de Lugo xa ten programadas as actividades na rúa que se desenvolverán de xeito gratuíto durante os meses de xullo e agosto en ata oito parques e prazas de Lugo. No verán, as e os lucenses de calquera idade poderán asistir, sen necesidade de realizar inscrición previa, a preto de dez actividades diferentes, entre elas, pilates, ballet fit, relaxación, bioximnasia, ioga, pintura, respiración, ximnasia a beira do Miño e Activa o teu corpo.

Dependendo do lugar e dos días nos que se desenvolvan as clases dirixidas, haberá varios horarios a elixir pola mañá e pola tarde. Ditas actividades terán lugar no Parque da Milagrosa, Praza Viana do Castelo, Fingoi, Praza das Illas, Parque Rosalía, Lamas de Prado, Parque Aquilino Iglesias Alvariño e na Praza do Castiñeiro. No caso de choiva ou de malas condicións climatolóxicas, as clases, que terán unha duración de unha ou dúas horas, se trasladarán ao centro de convivencia máis próximo.

Coa posta en marcha deste tipo de actividades, o obxectivo que persigue a concellería de Cohesión Social é por unha banda promover o ocio activo e saudable, facilitando o seu acceso a toda a poboación, e por outro favorecer as relacións de amizade entre a comunidade, evitando os posibles casos de illamento.

Noticias relacionadas