Centos de nenos e nenas participan na visita dos Bolechas á cidade para repartir o seu conto sobre o barrio multiecolóxico de Lugo

Venres, 04 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Centos de nenos e nenas participan na visita dos Bolechas á cidade para repartir o seu conto sobre o barrio multiecolóxico de Lugo

Centos de nenos e nenas, e a súas familias, participaron este venres na visita que fixeron os irmáns Bolechas á cidade para repartir o seu último conto, Os Bolechas  fan un barrio multiecolóxico en Lugo, no que dun xeito divertido contan como se contrúen vivendas e contornas urbanas máis ecolóxicas e sostibles. Braulio, Sonia, Loli, Pili, Carlos e Tatá,  protagonizaron un percorrido ateigado de xente polas rúas do casco histórico, entre a praza de San Marcos, pola rúa da Raíña e a praza Maior ata o Vello Cárcere, onde se reuniron unhas 500 persoas para celebrar o fin de festa e recoller gratis os libros.

A Alcaldesa, Lara Méndez, o voceiro municipal, Miguel Fernández, as concelleiras de Cultura e Benestar Social, Carmen Basadre e Ana González Abelleira, xunto ao deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e Mª Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, participaron no evento, durante o que se deu a coñecer un conto no que Os Bolechas presentan aos máis cativos as actividades promovidas polo proxecto europeo Life Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo, pioneiro na planificación ecosostible en cidades de tamaño medio, aproveitando o uso de recursos naturais propios e potenciando a economía verde.

Entre as medidas a desenvolver figuran a construción do primeiro edificio público levantado con madeira de Galicia, o deseño do primeiro barrio multiecolóxico de España e a elaboración dun catálogo de solucións urbanísticas sostibles, exportable a outras cidades europeas.

O proxecto Life Lugo + Biodinámico está coordinado polo Concello de Lugo, co financiamento da Unión Europea a través do programa Life, do Concello e da Deputación de Lugo, e conta coas Universidades de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid como socias no seu desenvolvemento.

Multimedia

  • Centos de nenos e nenas participan na visita dos Bolechas á cidade para repartir o seu conto sobre o barrio multiecolóxico de Lugo
  • Centos de nenos e nenas participan na visita dos Bolechas á cidade para repartir o seu conto sobre o barrio multiecolóxico de Lugo

Noticias relacionadas