A Biblioteca Municipal suma, de xaneiro a xullo, máis de 10.000 préstamos e conta con máis de 12.100 persoas usuarias

Dende o 1 de xaneiro, o centro incorporou 406 exemplares e 186 persoas déronse de alta na biblioteca

Os libros da sección de adultos máis solicitados neste ano son Todo te daré e Ollos de auga. Na sección infantil, as obras máis demandadas son Diario de Greg e Escarlinata a cociñeira defunta

O catálogo dixital da Biblioteca Municipal, que permite realizar consultas e reservas de fondos a través de Internet, recibiu máis de 8.900 visitas, o 46% delas de 12:00 a 18:00 horas

Xoves, 31 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Biblioteca Municipal suma, de xaneiro a xullo, máis de 10.000 préstamos. Un 81% do total foron libros, concretamente 8.117. Na actualidade, o centro conta cun fondo bibliográfico de 38.350 exemplares, dos que 31.956 son libros, 14.151 infantís e xuvenís e 17.805 de adultos; 4.535 documentos audiovisuais; 1.361 documentos sonoros e 501 documentos electrónicos. Dende o 1 de xaneiro, a biblioteca incorporou 406 exemplares, reforzando e actualizando o Concello ano tras ano este servizo municipal.

Na actualidade, o número de persoas usuarias inscritas no servizo de préstamo son 12.132, das cales 10.768 son adultos e 1.364 nenos e nenas. 186 persoas déronse de alta neste servizo dende primeiros de ano.

Os libros en castelán da sección de adultos máis solicitados no que vai de ano foron Todo esto te daré, de Dolores Reonde; La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Jöel Dicker, Patria de Fernando Aramburu, La chica del tren, de Paula Hawkins e El Desorden que dejas, de Carlos Montero. En galego, os exemplares máis prestados foron Ollos de auga, de Domingo Villar, Mercurio, de Emilio Alonso, Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Memorias dun neno Labrego, de Xosé Neiras Vila e Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello.

Polo que respecta á sección infantil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Diarigo de Greg: ¡Esto es el colmo!, de Jeff Kinney, Una aventura en el Caribe, de Tea Stilton, El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares, El juego infinito e Buscando plan, de Ransom Riggs, James Dashner e Jeff Kinney, respectivamente. No que se refire ás obras en galego, os máis pequenos da casa decántanse por Escarlinata a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Os Bolechas van a un festival de Pepe Carreiro, Europa express, de Andrea Maceiras, Xenaro e o misterio da mochila verde, de Mar Guerra e O escarabello de ouro e outros contos, de Edgar Allan Poe.

Catálogo dixital

O catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo, que permite realizar consultas e reservas de fondos a través de Internet, recibiu máis de 8.900 visitas, o 46% delas de 12:00 a 18:00 horas. A este catálogo pódese acceder dende http://biblioteca.lugo.gal e a través da web municipal. O acceso xeral ao catálogo, para o que non é preciso estar rexistrado, permite a visualización dos resultados de cada busca cos datos bibliográficos do documento e ofrece ligazóns sobre os seus autores e materias.

Ademais, ás persoas usuarias rexistradas para as que é preciso dispoñer do carné de lector da biblioteca, dispoñen dos seguintes servizos:

  • A recepción de mensaxes relativas a reservas, devolucións e informacións de interese
  • A visualización do histórico dos préstamos realizados polo usuario
  • A renovación dos préstamos, sempre que non estean atrasados ou non posúan reservas
  • A reserva de exemplares
  • A suxestión de documentos para a súa compra mediante desiderata
  • A inclusión de temas ou autores de interese de cada usuario, que permitirá que sempre que unha nova obra sexa catalogada e atenda aos datos incluídos polo usuario, este reciba un correo electrónico comunicándolles a nova incorporación

O inicio de sesión como usuario rexistrado realízase co número de carné e unha contrasinal que se lles facilitará dende a propia biblioteca. Os que xa teñan o seu correo electrónico rexistrado na biblioteca poden solicitar a súa contrasinal acudindo persoalmente ou enviando un correo electrónico a bibliotecamunicipal@concellodelugo.org.

Audio

  • A edil Carmen Basadre, sobre a Biblioteca Municipal | Descargar mp3

Noticias relacionadas