Benestar Social impulsa unha rede municipal de voluntariado

A concelleira, Olga López Racamonde, sinalou que iniciará unha rolda de contactos co tecido asociativo para coñecer as súas necesidades neste eido e recoller suxestións.

O obxectivo desta iniciativa, que se retoma tras paralizarse pola crise sanitaria causada pola Covid-19, é dinamizar a acción social e reforzar o traballo dos colectivosa nivel local.

Esta ferramenta permitirá á Administración local poñer en contacto ás persoas interesadas en realizar un voluntariado coas asociacións que levan a cabo ese labor asistencial.

Mércores, 18 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar Social impulsa unha rede municipal de voluntariado

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, impulsa unha rede municipal de voluntariado. O obxectivo desta iniciativa, que se retoma tras paralizarse como consecuencia da crise sanitaria causada polo Covid-19, é dinamizar a acción social e reforzar o traballo dos colectivos a nivel local. “É fundamental prestar unha axuda transversal ao tecido asociativo da nosa cidade, que está a realizar un gran traballo para a sociedade lucense. Do mesmo xeito, precisamos canalizar todo o capital humano que atesoura o municipio e que está disposto a contribuír aportando a súa dedicación e o seu tempo na medida das súas posibilidades. De este xeito nace este proxecto que aposta por un voluntariado informal e diverso que se adapte ás necesidades das asociacións pero tamén á dispoñibilidade e sensibilidade dos e das voluntarias”, sinalou a concelleira.

López Racamonde anunciou que a área que dirixe iniciará unha rolda de contactos co tecido asociativo para coñecer as súas necesidades neste eido e recoller suxestións. “O proxecto atópase bastante avanzado. De feito, a nosa idea era establecer esta rede para que fora efectiva no mandato pasado, pero a situación derivada da pandemia, sumado ao carácter deste tipo de voluntariado, obrigounos a esperar a que as campañas de vacinación rebaixaran a incidencia do virus para poñelo en marcha e evitar así posibles contaxios en colectivos especialmente vulnerables xa que a totalidade do tecido asociativo asistencial viuse obrigado a cumprir medidas de seguridade. Cremos que o momento axeitado é agora”, apuntou a edila.

Esta ferramenta permitirá á Administración local poñer en contacto ás persoas interesadas en realizar un voluntariado concreto coas asociacións que levan a cabo ese labor asistencial. Aposta por un modelo flexible onde o compromiso se adapte ás posibilidades de cada persoa en cada momento. “Deste xeito, fomentaremos a participación e permitiremos que moita xente se decida a contribuír nun momento no que é moi necesario reforzar ás asociacións no seu traballo en eidos de gran valor estratéxico para nós como son o educativo, o asistencial ou a integración social”, concluíu Racamonde.

Audio

  • A concellería de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, sobre a rede de voluntariado | Descargar mp3

Noticias relacionadas