A área de Benestar convida á veciñanza do rural a deseñar a programación sociocultural das parroquias

A alcaldesa e os edís Olga López e Miguel Fernández reuníronse con representantes das asociacións para coordinar as actividades que se porán en marcha.

O goberno de Lara Méndez reactiva a dinamización social nos núcleos tras suspenderse o estado de Alarma, fomentando a participación activa da cidadanía.

Xoves, 13 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar convida á veciñanza do rural a deseñar a programación sociocultural das parroquias

O goberno de Lara Méndez reactiva a dinamización social nas parroquias logo de suspenderse o Estado de Alarma.

A alcaldesa, a concelleira de Benestar, Olga López Racamonde e o edil de Medio Rural, Miguel Fernández, mantiveron un encontro con representantes do tecido asociativo para coñecer as súas demandas co fin de coordinar coa veciñanza dos núcleos a programación sociocultural para o que resta de 2021.

“A nosa vontade, tal e como xa dixemos no seu día, foi sempre a de reabrir os centros cívicos e retomar a actividade neles en canto as autoridades sanitarias nolo permitiran. Algo que se fai posible a partir de agora coa supresión do Estado de Alarma. Pero tamén tiñamos claro que o queriamos facer propiciando a participación activa da cidadanía, coordinando con eles esas actividades, tendo en conta o perfil das e dos residentes, as súas inquedanzas e necesidades para concretar non só horarios senón tamén temáticas”, referiu a rexedora.

Lara Méndez cualificou a xuntanza de moi produtiva, “en tanto acordamos coas e cos asistentes que nos vindeiros días nos farán chegar as súas propostas para deseñar entre todos, administración e sociedade, a programación máis idónea para cada parroquia”, sinalou.

Pola súa banda, a edil de Benestar, Olga López, destacou que “terán primacía aqueles actos que se poidan desenvolver ao aire libre, xa que os espazos abertos resultan máis aconsellables, tendo en conta o contexto sanitario no que aínda nos atopamos, e manteranse en todo momento as pautas e recomendacións feitas polas autoridades para previr os contaxios”.

A convivencia interxeracional e o arraigamento ao rural, claves na programación

A través da dinamización sociocultural o Concello de Lugo, dende a área de Benestar Social, ofertará actividades de lecer e formativas, coas que o goberno de Lara Méndez pretende impulsar a convivencia interxeracional e fomentar a igualdade tanto nos barrios como nas parroquias.

Como exemplo, Olga López relatou que en anos anteriores os centros do rural acolleron - a solicitude da súa veciñanza - obradoiros de exercicio físico, como ximnasia ou pilates, clases de pintura ou restauración de obxectos e mesmo talleres de memoria ou algún tipo de terapia.

“Tamén intentamos levar charlas ou coloquios sobre temas que poidan ser de interese como accións formativas para o uso de biocidas, moi reclamadas, e cando a situación nolo permita recuperaremos as excursións, visitas culturais e os xantares e días de convivencia”, manifestou a concelleira.

“Igualmente, poñemos a disposición das familias as Aulas Abertas para crianzas de 3 a 12 anos, co obxectivo de favorecer a conciliación laboral das familias durante o período de vacacións estivais. Unha iniciativa coa que queremos que a rapazada socialice nun espazo – as antigas escolas – propiciando o arraigamento e o apego polo rural cun programa lúdico que mesture xogos, cancións e manualidades coas dinámicas de grupo e contidos transversais sobre o medio, a cultura e o xeito de vida no campo”, abondou López Racamonde.

“En conclusión – rematou a responsable de Benestar - trátase de converter os condicionantes que nos impón esta nova realidade nunha oportunidade, aproveitándoos para diversificar a programación municipal pero iso si, adaptándonos en tempo e formas á normativa e ao devir da Covid máis tendo en conta tamén as demandas e necesidades da veciñanza. A dinamización sociocultural facémola para ela e con ela”.

Noticias relacionadas