Alcaldía, Policía Local e a veciñanza de Recatelo estreitan a súa colaboración para solucionar o problema do local de ocio nocturno

Establécese unha folla de ruta conxunta para atallar canto antes os problemas que causa o establecemento para o descanso do barrio, tal e como se comprometera a alcaldesa.

A Policía Local realizou nove inspeccións nas últimas semanas e intensificaranse as accións nas vindeiras semanas, en colaboración tamén coa Policía Nacional.

As accións enmárcase no plan de acción fixado por Lara Méndez para protexer os dereitos da veciñanza fronte aos locais que incumpren, e que conlevou xa 11 peches en 15 meses.

Mércores, 02 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alcaldía, Policía Local e a veciñanza de Recatelo estreitan a súa colaboración para solucionar o problema do local de ocio nocturnoAlcaldía, Policía Local e a veciñanza de Recatelo estreitan a súa colaboración para solucionar o problema do local de ocio nocturno

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, acompañado polo Intendente da Policía, Jesús Piñeiro, mantivo esta mañá un encontro coa veciñanza da zona do parque Rosalía e do barrio de Recatelo para abordar a complexa situación que están a vivir os e as residentes como consecuencia do ruído, faltas á salubridade e habituais altercados vinculados cun local de ocio nocturno instalado na zona.

A xuntanza, solicitada a petición do colectivo veciñal, enmárcase no plan de acción que a Alcaldesa Lara Méndez fixou coa Policía Local na loita contra os locais nocturnos que incumpren as normativas e están a causar graves prexuízos no descanso das persoas, “plan que ata o de agora conlevou que se pechasen xa 11 establecementos en pouco máis dun ano”, segundo lembrou Miguel Fernández. No caso deste local, a Policía Local desenvolveu xa nove inspeccións nas últimas semanas.

O edil e o intendente escoitaron as demandas das persoas afectadas que lle trasladaron a imposibilidade da veciñanza para poder durmir as fines de semana froito da actividade deste establecemento de ocio de recente apertura na rúa Avelino Pousa Antelo. Os residentes destacaron os prexuízos que isto lles estaba a ocasionar de forma particular ás crianzas e ás persoas maiores. Tamén mostraron preocupación polas ocasionais liortas que se producen na rúa froito do estado etílico da clientela e alertaron dos habituais actos vandálicos que se producen no barrio e que están a degradar o mobiliario público. Aspectos que están a xerar medo no barrio.

A xuntanza transcorreu en boa sintonía e rematou cunha folla de ruta conxunta clara entre Alcaldía, a Policía Local e a veciñanza, que traballarán conxuntamente co obxectivo corrixir as perturbación derivadas desta actividade e dos comportamentos que os usuarios e usuarios deste local mostran a altas horas da madrugada, de forma especial entre as 4 e 7 horas, nas inmediacións do mesmo. “Desde o Goberno local, en colaboración coa veciñanza, imos incrementar as accións para eliminar as perturbacións na convivencia ocasionadas no barrio. É como debemos actuar cando non se concilia o dereito ao ocio dunha parte da poboación co necesario e lexítimo dereito ao descanso da cidadanía”, sinalou o responsable de Transición Ecolóxica.

Pola súa parte, o intendente Piñeiro informou aos asistentes ao encontro do intenso labor que a Policía local está a levar a cabo nos últimos meses en relación con este local onde se realizaron, só desde a segunda semana de xuño, ata nove inspeccións . Piñeiro solicitou tamén a colaboración cidadá para detectar posibles irregularidades e falou de traballo coordinado con outros corpos de seguridade. De feito a Policía local de Lugo está a realizar un destacado traballo en problemas de convivencia deste tipo. Entre abril de 2022 e marzo de 2023, o Concello executou o peche de 8 locais de ocio nocturno por incumprir a legalidade. Desde marzo deste ano ata agora se acometeron tres peches máis, o que se traduce nun total de 11 establecementos pechados en 15 meses.

Xa antes de rematar, o responsable de Transición Ecolóxica solicitou “sabendo que non é fácil”, paciencia a veciñanza. “Manter a presión policial é só unha liña de traballo, por iso cómpre agardar á finalización de todos os procesos de traballo iniciados para que o barrio recupere a tranquilidade”, aclarou. Así mesmo, acordou manter con eles unha comunicación directa para darlles conta en todo momento dos pasos que se están a seguir e emprazounos a un futuro encontro.

Audio

  • O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre a reunión, cos veciños de Recatelo | Descargar mp3

Noticias relacionadas