A Alcaldesa visitou as instalacións do hipermercado E.Leclerc, o primeiro desta cadena en Galicia

Méndez destacou a creación de emprego que conleva a apertura deste novo supermercado así como o atractivo que supón “tanto para atraer novos visitantes á cidade como para a instalación de novos negocios na zona”

Martes, 17 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Apertura do hipermercado E.Leclerc

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do xerente de E.Leclerc en Lugo, Antonio Molinero, visitou este martes as instalacións deste novo hipermercado que abrirá as súas portas no municipio lugués, o primeiro desta cadena en Galicia. A esta visita tamén asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira.

Durante a visita, a rexedora agradeceu a Molinero a súa aposta por investir en Lugo, “o que demostra que a nosa cidade posúe un atractivo, non só en función da nosa historia, do noso conxunto artístico-patrimonial e da gastronomía, senón tamén en función dos servizos que Lugo é capaz de acoller e de ofrecer”. Neste senso, Méndez destacou a creación de emprego que conleva a apertura deste novo supermercado así como o atractivo que supón “tanto para atraer novos consumidores e visitantes á cidade como para a instalación de novos negocios ou para o asentamento de novas vivendas nesta zona”.

Este novo supermercado, ubicado na rúa Orquídea, no Centro Comercial Abella, conta cunha superficie de 10.000 metros cadrados e supón a creación de 73 postos de emprego, a maioría ocupados por lucenses. O 70% dos contratos realizados para esta nova tenda son mulleres.

Cadena francesa de supermercados

E.Leclerc é unha cadena francesa de supermercados creada en 1949. Ademais de Francia, a cadena estendeuse a outros cinco países europeos. Actualmente conta con 561 almacéns, 391 hipermercados, 131 supermercados e 39 tendas especializadas en Francia e 94 centros entre España (18), Italia, Polonia, Portugal, Eslovenia e Andorra. A organización emprega a 10.000 persoas.

Noticias relacionadas