A Alcaldesa presenta un proxecto de depuración, que actuará como un ecosistema natural, para Esperante, Calde, Monte de Meda e Lamas

O custe total do saneamento ascende a 3,4M€. Dará servizo ás actuais 264 vivendas e preparará ás parroquias para un crecemento previsto de ata 700

Lara Méndez propón que a Xunta financie o 70% con cargo ao canon da auga que lle paga a veciñanza lucense cada ano, do que non investiu nin un só euro no que vai de mandato, e o Concello o 30% restante

O proxecto presentouse na escola rural de Calde, pois as actuacións previstas solucionarán os problemas de saneamento do centro hospitalario situado na zona

Martes, 05 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa presenta un proxecto de depuración, que actuará como un ecosistema natural, para Esperante, Calde, Monte de Meda e Lamas

A Alcaldesa, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, presentou esta tarde á veciñanza das parroquias de Esperante, Calde, Monte de Meda e Lamas un proxecto de saneamento e depuración das augas residuais que dará servizo a 264 vivendas e que preparará aos núcleos para un crecemento previsto de ata 700 nun futuro. Á presentación tamén acudiron representantes da plataforma Lugo, berce do rural.

O acto desenvolveuse na escola rural de Calde, pois o proxecto solucionará os problemas de saneamento do centro hospitalario situado na zona. “Fronte á desidia da Xunta, nós presentamos un proxecto que beneficiará a vivendas na súa maioría de primeira ocupación, aínda que tamén se contabilizan de segunda residencia, especialmente nos núcleos de Carballido e A Travesa”, sostivo a rexedora.

Os técnicos municipais explicaron as distintas alternativas que se estudaron para o saneamento. Finalmente optouse por agrupar ás vivendas por concas hidrográficas, o que evitaría o bombeo agás en Monte de Meda e Lamas. Así mesmo, en vez de sistema de tratamentos intensivos empregaranse extensivos de humidais, que reproducen os procesos de eliminación de contaminantes das zonas húmidas naturais e que actuaría, pois, como un complexo ecosistema.

Lara Méndez incidiu nos beneficios deste sistema xa que o consumo enerxético será case nulo, moi baixos os custes de explotación e mantemento, darase unha mínima produción de cheiros, haberá un aproveitamento da biomasa vexetal e permitirá a creación e restauración das zonas húmidas, aptas para potenciar a vida salvaxe, a educación ambiental e zonas de recreo.

O proxecto precisa un investimento de 3,4 millóns de euros, que o Concello propón que sexa financiado ao 70% a cargo do canon de auga, que recibe a Xunta de Galicia, e un 30% polo Concello. A Alcaldesa lembrou que Concello fai o ingreso á Xunta deste canon, imposto que a Administración galega obriga ás entidades locais a cobrarlles aos veciños, e que é finalista. E dicir, a Xunta ten a obriga de reinvestilo no saneamento e abastecemento. “En todo o mandato, a Xunta investiu 0 euros en Lugo”, sostivo.

Multimedia

  • A Alcaldesa presenta un proxecto de depuración, que actuará como un ecosistema natural, para Esperante, Calde, Monte de Meda e Lamas

Noticias relacionadas