A Alcaldesa participou no Consello Territorial da FEMP, que comezou a elaborar a proposta dunha nova lei de financiamento local

Lara Méndez subliña a necesidade dun “sistema axeitado de financiación das entidades locais para impulsar o territorio e garantir uns servizos de calidade para todos os veciños e veciñas”

Martes, 26 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participou no Consello Territorial da FEMP, que comezou a elaborar a proposta dunha nova lei de financiamento local

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na reunión do Consello Territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), órgano do que forma parte, na que foi a primeira reunión do período 2015-2019. A Federación comezou coa elaboración do borrador da nova lei de financiamento local, que será elevado ao Goberno de España, tan pronto se constitúa, para o seu debate.

A rexedora lucense subliñou neste senso a necesidade de “elaborar consensuadamente e aprobar o antes posible un sistema axeitado de financiamento das entidades locais, as administracións máis próximas aos cidadáns, a primeira porta á que chaman cando teñen un problema, para fomentar o crecemento socioeconómico do territorio e garantir uns servizos de calidade a todos veciños e veciñas”.

Outro dos asuntos abordados na reunión do Consello Territorial da FEMP foi a necesidade de cambiar a interpretación do teito de gasto para que “permita aos concellos cunha situación económica saneada e estable, como é o caso de Lugo, aumentar os investimentos”. “Non é xusto, nin lóxico que sigamos con esta limitación de táboa rasa, cando ademais as entidades locais somos as administracións públicas máis saneadas”.

Orzamentos da FEMP

Na reunión de hoxe quedaron aprobados os Orzamentos da FEMP para 2016, que previamente recibiron o visto bo da Xunta de Goberno, a de Voceiros e a Comisión de Contas. A aprobación tanto dos presupostos anuais, como das contas dos exercicios pasados son algunhas das funcións do Consello Territorial, que ademais debe ocuparse de cumprir e facer cumprir as resolucións do Pleno, velar polo cumprimento dos fins estatutarios, aprobar o Regulamento de Réxime Interior e o do Pleno, articular as relacións da FEMP coas Federacións Territoriais de municipios e de estas entre si, impulsar a defensa dos intereses das entidades locais nos seus correspondentes territorios e decidir sobre asuntos de interese cuxa urxencia non permita espera a que sexan presentados ao Pleno.

O Consello Territorial é o órgano de máxima autoridade que transcorre entre a celebración dos Plenos Ordinarios da FEMP. Formado polo presidente e vicepresidente da Xunta de Goberno e 61 membros elixidos polo Pleno, de entre os socios titulares, e o presidente e outro representante das federacións de ámbito rexional; reúnese en sesión ordinaria, unha vez cada catro meses.

Noticias relacionadas