A Alcaldesa e o presidente do CD Lugo avanzan con técnicos do Concello para que o municipio conte cunha Cidade Deportiva

Nesta xuntanza estudáronse diferentes localizacións para a Cidade Deportiva. Unha delas pode ser no Polígono das Gándaras, pois urbanisticamente cumpre cos proxectos de urbanización previsibles nesa zona

Xoves, 16 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués, avanzaron este xoves con técnicos municipais para que o municipio conte cunha Cidade Deportiva, "unha iniciativa que pode ser moi boa para o deporte lucense", tal e como a definiu a rexedora, quen subliñou que este "é un paso máis na aposta do Concello polo deporte e polo deporte base, fundamental para dar alternativas á mocidade".

Tal e como asegurou tras o encontro a rexedora, nesta xuntanza, á que tamén asistiu o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, estudáronse diferentes localizacións para a Cidade Deportiva. Unha delas pode ser no Polígono das Gándaras, pois urbanisticamente cumpre cos proxectos de urbanización previsibles nesa zona. Agora, segundo afirmou a rexedora, tomarase contacto con outras administracións para asinar un convenio e que todas as institucións poidan contribuír a esta iniciativa, unha aposta persoal de Tino Saqués, "que beneficiaría á cidade, prestaría máis instalacións e desconxesitonaría ás existentes, de gran demanda". Os terreos que se estudan nesta zona son, algúns de propiedade de Xestur e outros privada, pero cunha finalidade no PXOM de equipamentos, tal e como lle ratificaron os técnicos a Méndez e Saqués. De aí os contactos que se manterán con outras entidades.

Pola súa banda, o presidente do Club Deportivo Lugo adiantou que o modelo ideal de Cidade Deportiva chegaría a 10 ou 12 hectáreas, podendo desenvolverse entre 5 e 7 campos de fútbol, algún deles incluso semicuberto, tanto de fútbol 8 como fútbol 11. Tamén se prevé a implantación dun ximnasio ou aulas de formación, para impulsar o deporte base, e incluso un polideportivo para dar cabida a outro tipo de deportes. A inversión completa oscilaría entre os 6 e 8 millóns, aínda que tamén se contempla a súa realización por fases.

Noticias relacionadas