A Alcaldesa considera “unha falta de respecto aos veciños” a visita de Mosquera

A Conselleira de Sanidade “veu a Lugo para ofrecernos o servizo de Radioterapia como se fose un privilexio, cando é un dereito dos cidadáns, e cando chega, se é que se cumpren os prazos, case 5 anos tarde dende a promesa de Núñez Feijóo”

As prestacións asistenciais pendentes no HULA será unha das cuestións que a rexedora lle plantexará ao Presidente da Xunta na súa primeira entrevista, que “espero convoque canto antes”, subliñou

Mércores, 15 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, cualificou este mércores de “falta de respecto aos veciños” a visita á cidade que fixo onte a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por “vir a Lugo para ofrecernos o servizo de Radioterapia como se fose un privilexio, cando é un dereito dos cidadáns, e cando ademais chega, se é que se cumpren os prazos, case 5 anos tarde dende a promesa que fixo o Presidente da Xunta no 2011”. Ao Goberno local tamén lle parece irrespectuoso, engadiu a rexedora, “que a Conselleira xustifique a posta en marcha deste servizo no cumprimento dunha Iniciativa Lexislativa Popular, que o Partido Popular pervertiu descaradamente no Parlamento”.

De novo, “a Xunta non está á altura cos veciños de Lugo. O máis grave é que ocorre, non só coa dotación deste servizo fundamental, senón con outros moitos temas, nos que o Goberno galego ten desatendidos aos lucenses”, subliñou Méndez, que mostrou a súa preocupación porque, segundo a conselleira, “o servizo será só para os novos pacientes, o que significa que as 600 persoas que hoxe se vén obrigadas a facer a  ruta do cancro, a deberán seguir facendo”. 

A Alcaldesa botou así mesmo en falta que a Conselleira e a Xunta sigan “sen querer falar de Hemodinámica as 24 horas e Medicina Nuclear”, e recalcou que as prestacións asistenciais pendentes no HULA “serán unha das cuestións que lle plantexarei a Feijóo na primeira entrevista que manteñamos e que espero convoque canto antes”. 

Audio

  • Declaracións da Alcaldesa sobre a visita da Conselleira de Sanidade | Descargar mp3

Noticias relacionadas