A Alcaldesa anuncia 1M€ máis para políticas sociais, grazas ao aforro no gasto da Corporación

Tras non chegar a acordo de goberno con Lugonovo, Méndez anunciou que seguen as conversas co resto de forzas sobre o réxime retributivo de concelleiros e grupos en torno á proposta dos socialistas, que supón unha rebaixa de 220.000€ ao ano

“Vamos axilizar ao máximo os prazos”, asegurou a rexedora, quen avanzou que a finais desta semana dará conta do reparto das áreas de goberno e a vindeira celebrarase o Pleno de organización

“Nós cremos que gobernar en democracia ten un custe, que asumimos por responsabilidade cos cidadáns, con valentía e altura de miras. A alternativa sufrímola 40 anos. Chámase dictadura: non cobra ningúen e só manda un”

Martes, 30 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante o anuncio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes que o millón de euros de aforro que o Concello acadará nos vindeiros catro anos de mandato grazas á redución no réxime retributivo da Corporación municipal será destinado integramente a políticas sociais. Méndez explicou que, unha vez interrompidas as negociacións con Lugonovo para conformar un goberno de coalición, continúan agora as conversas co resto das forzas políticas para chegar a un acordo de cara ao Pleno de organización sobre dito gasto que, a falta de pequenas variacións, está practicamente pechado e supón unha baixada duns 220.000 euros ao ano, entre dedicacións dos concelleiros, persoal de apoio e asignación aos grupos municipais.

Con respecto á postura de Lugonovo durante as negociacións, a Alcaldesa asegurou que “nós cremos, e así o defendemos sempre, que gobernar en democracia ten un custe. Nós temos unha clara vocación de goberno e asumimos ese custe, por responsabilidade cos cidadáns, con valentía e con altura de miras. A alternativa xa a sufrimos durante 40 anos. Chámase dictadura: non cobra ningúen e só manda un”. “Outras forzas políticas demostran que non están dispostas a asumir o custe de gobernar, facendo imposicións totalmente inasumibles, e cunha miopía política que os cidadáns dificilmente poderán entender”, engadiu a rexedora, que compareceu acompañada polos concelleiros Miguel Fernández, Carmen Basadre, Ana González Abelleira, José Manuel Díaz Grandío e Ana Prieto.

Os motivos da ruptura

Méndez explicou os motivos que provocaron que as conversas con Lugonovo non fructificasen. Por un lado, porque non houbo acordo sobre o funcionamento da Xunta de Goberno. “Os membros da comisión negociadora de Lugonovo mesmo pediron exercer un veto aos acordos deste órgano. En democracia non existe o veto, existe o diálogo, a crítica e a discrepancia, nunca o veto”, afirmou a Alcaldesa. Por outro lado, non houbo acordo en canto ao réxime retributivo da Corporación, “en ningún caso por falta de esforzo e vontade do noso grupo municipal”, apuntou.

Antes de pasar a desgranar a proposta de redución de gasto de Lugonovo e a defendida polos socialistas, a Alcaldesa lembrou que o custe da Corporación ten tres eixos: As dedicacións dos concelleiros, que perciben tanto os do goberno como os da oposición; a retribucións do persoal de apoio; e a asignación aos grupos municipais.

“Cremos que esta forza política ten un exceso de populismo e un déficit de democracia”, afirmou Méndez sobre Lugonovo, engandido que, segundo a súa proposta, “en dedicacións e persoal de apoio, quen menos respaldo cidadán recibiu, máis debe percibir, se respectar, deste xeito, as porcentaxes de representación na Corporación, algo que non nos inventamos nós, senón que nos deron os cidadáns de Lugo nas urnas democraticamente o pasado día 24. Querían unha redución drástica, si, pero nunca pasaba por eles”. En canto á asignación aos grupos políticos - destinada a material funxble, non a persoal- a redución plantexada por Lugonovo “era menor que a nosa”.

Premisas irrenunciables

Con respecto á proposta do grupo de goberno, a Alcaldesa sinalou que, “sendo conscientes da situación que estamos a vivir, decidimos facer un esforzo de contención de gasto moi importante, moi por debaixo do que incluso permite a Lei nalgúns aspectos, e  en función de tres premisas ás que non imos renunciar: Unha, a redución no gasto nunca pode mermar a calidade da xestión municipal, da que, en definitiva, depende o futuro da cidade e o benestar das nosas veciñas e veciños. Esta é unha liña vermella, que non vamos a cruzar. Dúas, sempre defendemos, e reiterámolo, que, se unha persoa dedica ao Concello as 24 horas do día, os 365 días do ano, ten que percibir unha retribución. Non se trata de profesionalizar a política, senón de dignificar a vocación polo servizo público. E tres, respectamos escrupulosamente as porcentaxes de representación que os veciños nos deron nas urnas”.

As cifras

Con estes parámetros, a proposta queda da seguinte maneira:

- Mantéñense as dedicacións aos concelleiros (de 13 a 13,5), co cal, prodúcese unha redución porcentual porque os grupos municipais pasaron de 3 a6. A cifra estaría por debaixo das 15 dedicacións que como máximo permite a Lei.

- En canto a persoal de apoio, de 17 pasarían a 14,5 dedicacións. A Lei permite ata 25 persoas de apoio, é dicir, 10 máis das propostas.

- Na asignación económica aos grupos municipais producirase unha redución do 40%. A cantidade fixa baixa de 3.900 euros a 1.200 por grupo, e a asignada por concelleiro, de 800 a 500 euros.

Con esta serie de medidas, o aforro total ascende a uns 220.000 euros ao ano, co cal, nos catro anos de mandato, sumarase en torno a 1 millón de euros, que, como avanzou a Alcaldesa, se destinará integramente a políticas sociais. No cómputo global das contas municipais, o gasto da Corporación pasa deste xeito a supoñer o 1,3% do Orzamento Xeral do Concello.

Proposta “rigorosa e sensata”

Lara Méndez incidiu en que esta proposta, que Lugonovo rexeitou, “significa un gran esforzo de contención de gasto, sobre todo tendo en conta que pasamos de 3 a 6 grupos municipais”. “É ademais unha proposta extraordinariamente rigorosa e sensata, pois, de ir máis alá, poñeriamos en risco a calidade da xestión municipal, como dixen, unha liña vermella que non vamos a cruzar”, engadiu, ademais de subliñar que “a redución do gasto afecta na súa gran maioría ao equipo de Goberno, polo que, se o resto de forzas queren ir máis alá, deben comezar a dicir a que queren renunciar: a soldos; a material, como ordenadores, mesas, sillas...; ou infraestruturas, como os locais que lles ofrecemos”.

Próximos pasos

“Pola nosa parte, a vontade de diálogo e consenso foi máxima, incuestionable, pero chegado a este punto, vamos seguir adiante e axilizar ao máximo os prazos para formar goberno”, asegurou a Alcaldesa, quen avanzou que a finais desta semana dará a coñecer o reparto das áreas de goberno e para a vindeira semana convocarase o Pleno de organización.

Audios

  • Sobre as reducións do gasto da Corporación municipal | Descargar mp4

Noticias relacionadas