Aberto o prazo de inscrición para participar na VII Edición dos Cursos Primavera Segura

As persoas interesadas poden anotarse de xeito totalmente gratuíto no PIT ou na Xefatura Provincial de Tráfico. A lista de admitidos e admitidas publicarase o 23 de abril

O proxecto diríxese a nenos e nenas entre 8 a 14 anos coa finalidade de afondar en coñecementos de seguridade e educación viaria a través de formación teórica e práctica

Luns, 02 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello abre hoxe o prazo de inscrición ata o 13 de abril para participar nos VII Cursos de Primavera Segura que terán lugar no Parque Infantil de Tráfico López Mella a partir do 30 de abril. Trátase dunha iniciativa, dirixida a nenos e nenas entre 8 e 14 anos que, un ano máis, achega aos cativos nocións de seguridade viaria e condutas seguras. Este proxecto posto en marcha por Concello e Dirección Xeral de Tráfico, afonda en hábitos correctos tanto en vías urbanas como interurbanas, seguridade e situacións reais, entre outros a través de clases teóricas e prácticas.

As persoas interesadas en participar poden anotarse no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico, en horario de 09:00 a 13:30 horas. Deberán achegar a solicitude debidamente cumprimentada, a autorización familiar e unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. A lista de admitidos publicarase o 23 de abril no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A inscrición é de balde.

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, subliñou a importancia de ensinar dende idades temperás coñecementos no eido da seguridade viaria. O edil destacou que isto é posible grazas a este tipo de iniciativas coas que o Goberno está moi comprometido.

Quendas por idade

Estableceranse quendas por idade co fin de incidir en temas máis concretos, é dicir, os nenos de 8 anos traballarán sobre correctos comportamentos como peóns e usuarios do transporte público, e os de 10, como ciclistas ou usuarios de monopatíns. Levarase a cabo un primeiro turno do 30 de abril ao 4 de maio os nenos e nenas de entre 12 e 14 anos; un segundo e un terceiro, do 7 ao 11 de maio e do 14 ao 18 de maio, para os de 10 e 11 anos; e un cuarto e un quinto, 21 e 25 de maio e do 28 de maio ao 1 de xuño, respectivamente para os nenos de 8 a 9 anos.

As actividades desenvolveranse en horario de tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, recibirá ao menos durante unha semana seguida, previamente asignada, formación teórica e práctica coa finalidade de achegalos a situacións de tráfico reais, sen perigo ningún.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

Audio

  • Manuel Núñez sobre as VII Edición dos Cursos Primavera Segura | Descargar mp3

Noticias relacionadas