O Concello inicia o selado da ventá arqueolóxica de Doutor Castro para solucionar as filtracións de auga

Os traballos comezaron este luns e a Casa dos Mosaicos permanecerá pechada temporalmente do 19 ao 26 de outubro

Luns, 19 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inicia o selado da ventá arqueolóxica de Doutor Castro para solucionar as filtracións de auga

O Concello de Lugo iniciou este luns os traballos para selar a ventá arqueolóxica da rúa Doutor Castro co obxectivo de solucionar as filtracións de auga que se veñen producindo neste punto e mellorar as condicións de conservación dos mosaicos.

Con motivo da execución desta actuación, a Casa dos Mosaicos permanecerá pechada temporalmente do 19 ao 26 de outubro. O peche permitirá realizar os traballos previstos durante este período.

Esta intervención enmárcase nunha planificación máis regular do mantemento das ventás arqueolóxicas da cidade. Para iso, o Concello adxudicou un contrato específico por un importe de 12.100 euros, que permitirá realizar tarefas periódicas de conservación, limpeza e reparación, tanto no interior como no exterior destas instalacións.

Deste xeito, ademais de actuar sobre problemas concretos como as filtracións detectadas en Doutor Castro, o Concello contará cunha ferramenta para atender de forma continuada as necesidades de mantemento destes espazos e mellorar as condicións nas que se preservan os restos arqueolóxicos.

Ademais, estudarase un sistema de limpeza adaptado ás características das ventás arqueolóxicas que permita realizar estes traballos evitando o paso de vehículos por riba delas.

Con estas medidas, o Concello busca garantir unha atención máis regular ás ventás arqueolóxicas e avanzar na conservación dun patrimonio fundamental para a historia de Lugo.

Multimedia

  • O Concello inicia o selado da ventá arqueolóxica de Doutor Castro para solucionar as filtracións de auga

Noticias relacionadas