O Concello de Lugo impulsa o programa +XTi con novos cursos gratuítos sobre nutrición, hábitos saudables e deporte

Xoves, 28 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo impulsa o programa +XTi con novos cursos gratuítos sobre nutrición, hábitos saudables e deporte

O programa municipal desenvolverá entre os meses de xuño e xullo catro accións formativas gratuítas dirixidas á cidadanía centradas na alimentación saudable, a nutrición, a hixiene alimentaria e a actividade física.

A programación arrincará co módulo “Etiquetaxe e normas básicas de hixiene na cociña”, que terá lugar os días 3 e 5 de xuño cunha duración total de 10 horas.

Posteriormente impartirase o módulo de “Nutrición”, os días 6, 10, 12, 13 e 17 de xuño, cunha duración de 25 horas.

Os talleres prácticos de “Nutrición e receitas saudables” desenvolveranse os días 19, 20, 26 e 27 de xuño e tamén o 1, 3, 4 e 8 de xullo, cun total de 40 horas de formación.

Finalmente, o módulo de “Deporte” celebrarase os días 10, 11, 15, 17, 18, 22 e 24 de xullo, cunha duración de 35 horas.

As actividades impartiranse os mércores e venres en horario de 16:00 a 21:00 horas e os sábados de 9:30 a 14:30 horas.

Os módulos de nutrición e alimentación desenvolveranse nas instalacións de GDoce, situadas na rúa da Agricultura, 106, no Polígono do Ceao, mentres que o módulo de deporte terá lugar na Casa da Xuventude e en diferentes espazos ao aire libre da cidade.

Desde o Concello lembran ademais que os módulos son complementarios, polo que unha mesma persoa poderá inscribirse en todos eles.

Co obxectivo de facilitar os desprazamentos, o Concello porá á disposición da cidadanía as liñas de bus 1.1, 1.2 e 1.3 os mércores e venres, e as liñas 1.2 e 1.4 os sábados.

Noticias relacionadas