Iria Buide: "Cumprimos o calendario previsto e damos un paso adiante para garantir que o apoio chegue ás familias antes do inicio do curso"
A concellería de Educación recibiu un total de 711 solicitudes, cubrindo a totalidade das 400 axudas ofertadas, cun cheque de 100€ cada unha

A edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que a concellería de Educación vén de publicar hoxe a listaxe provisional das axudas de libros de texto e material escolar dirixidas a familias con baixos recursos económicos. "Cumprimos o calendario previsto e damos un paso adiante para garantir que o apoio chegue ás familias antes do inicio do curso", destacou a edil de Educación.
Buide afirmou que "das 711 solicitudes presentadas, adxudícanse as 400 axudas individuais de 100€ cada unha, cubrindo os 40.000€ de orzamento deste plan, que serve para facilitar que todas as nenas e nenos poidan acceder ao material escolar".
A listaxe pode consultarse no Taboleiro de Anuncios do Concello de Lugo e no do Servizo de Educación. A partir de agora, ábrese un prazo de 10 días hábiles (ata o 1 de setembro) para reclamacións, antes de publicarse a listaxe definitiva e comezar a entrega de vales.
"Agradecemos a implicación das familias que fixeron a solicitude dentro do prazo, e tamén o traballo do persoal municipal para axilizar todo o proceso. Estas axudas son unha ferramenta moi necesaria para garantir a igualdade de acceso ao material escolar, especialmente no caso das nenas e nenos que cursan o segundo ciclo de Educación Infantil", sinalou Buide.
Como novidade este ano, as bases permiten incluír entre os materiais subvencionables elementos como botellas reutilizables de auga ou xogos específicos recomendados polos centros, sempre que estean xustificados. A dotación total da convocatoria é de 40.000 euros, repartidos en 400 cheques de 100 euros cada un. O único criterio de baremación é a renda per cápita da unidade familiar, cun tope do 85% do IPREM.
A concelleira rematou sinalando que "desde o Concello seguiremos traballando para que estas axudas se resolvan no menor tempo posible e poidan estar dispoñibles antes do comezo do curso escolar".
Xuntanza co CEIP Nadela
A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, mantivo hoxe un encontro coa ANPA do CEIP Nadela "para coñecer as necesidades das familias deste centro". Buide destacou o "importante esforzo" que anualmente realiza a Tenencia de Alcaldía a través da concellería de Educación para "manter servizos que a Xunta debería prestar aos colexios". Ademais de servizos como os comedores, "unha responsabilidade directa da Xunta de Galiza, que prestamos nós porque o goberno galego a deixa sen cubrir", o Concello presta outros servizos como as actividades extraescolares, as Escolas Infantís ou as axudas para libros de texto e material escolar, buscando que todas as familias poidan acceder ao material do colexio independentemente da súa situación económica. "Isto supón anualmente un importante esforzo tanto económico como administrativo para o Concello de Lugo", explicou a edil de Educación.

