O Alcalde e a Secretaria Xeral de Urbanismo presiden unha xuntanza pedida polo Concello para desbloquear a aprobación da totalidade do PXOM

O Concelleiro de Urbanismo dí que se abre “un escenario incerto” logo de que a Xunta recoñeza a imposición que se lle fai ó Concello de Lugo, porque os municipios carecen de competencias para facer estudos dos cauces fluviais
O Concello de Lugo pedirá unha entrevista coa CHMS, que é a administración responsable de facer os estudos esixidos para a aprobación do 5% pendente do PXOM
O Alcalde, José López Orozco, e o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, encabezaron a representación municipal na xuntanza celebrada hoxe coa Xunta de Galicia para tratar de desbloquear o 5% pendente de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A representación da Xunta de Galicia estivo encabezada pola Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, Encarnación Rivas. Tamén tomaron parte na reunión técnicos municipais e da Xunta de Galicia e os Voceiros dos grupos políticos da oposición, Jaime Castiñeira polo Partido Popular e Paz Abraira do Bloque Nacionalista Galego.
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, calificou de “ambigüo” o resultado xuntanza, que se celebrou a instancias do Concello de Lugo e tivo lugar no Salón de Sesións da Casa do Concello.
Álvarez agradeceulle a Secretaria Xeral de Urbanismo que accedese a acudir á reunión pedida polo Concello para debater sobre a parte do PXOM pendente de aprobación, pero manifestou que trala xuntanza “ábrese un escenario incerto” .
Como explicou Luis Álvarez, a propia Secretaria Xeral de Urbanismo recoñeceu, na súa intervención, que a delimitación de cauces, que se lle esixe ó Concello de Lugo “é imposición, porque non non é competencia municipal”.
Aínda así, a responsable autonómica de Urbanismo considerou oportuno que o Concello asuma ese traballo, que non lle corresponde como sempre defendeu o Concello, para non ter que agardar todo o tempo que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que é a competente, decida tardar en facelo.
Álvarez manifestou que a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo “afortunadamente recoñeceu hoxe de forma explícita que é unha imposición de algo que non é competencia municipal, para pasmo do señor Castiñeira Broz, quen asistiu a xuntanza xunto cos técnicos da Xunta, estivo sentado con eles, é verdade que cada un pode sentarse onde queira pero quizá se tratou dun posicionamento con vistas a futuras responsabilidades fóra do Concello de Lugo”.
Luis Álvarez anunciou que o Concello mantén a firme decisión de desbloquear da maneira que sexa posible a parte pendente de aprobación definitiva do PXOM, polo que se vai solicitar unha entrevista coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Tamén avanzou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente a necesidade de resolver a incertidume xurídica que provocaría o feito de que o Concello asumira facer a delimitación de cauces para axilizar a aprobación do PXOM. Es problema “seguramente se trataría de solventar coa sinatura dun convenio coa Confederación, para darlle seguridade xurídica a ese traballo, xa que ela é a administración responsable nesa materia”, manifestou Luis Álvarez.