Terra Nova, orquestra apoiada pola concellería de Xuventude para a formación da mocidade, estréase cun Concerto de Nadal o día 18

Esta nova agrupación, dirixidapolo prestixioso músico Nicolás Ravelli Barreiro, está composta por 37 músicos (20 rapazas e 17 rapaces) de entre 15 e 35 anos de idade.

A Alcaldesa de Lugo e o edil Mauricio Repetto animan á cidadanía a acudir ao concerto, de balde, no Círculo das Artes para impulsar “aos nosos profesionais cheos de talento”.

Mércores, 14 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Terra Nova, orquestra apoiada pola concellería de Xuventude para a formación da mocidade, estréase cun Concerto de Nadal o día 18

Terra Nova, orquestra que nace co impulso do Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Xuventude, coa intención de contribuír á formación musical da mocidade ampliando así os seus horizontes artísticos na cidade, estréase o día 18 deste mes de decembro cun gran Concerto de Nadal. Será ás 20.00 horas, no Círculo das Artes.

A entrada será de balde ata completar aforo (aproximadamente 300 persoas). O concerto terá unha duración aproximada dunha hora e o repertorio incluirá grandes composicións musicais de todos os tempos que inclúen: O cisne, de "Entroido dos animais" de C. Saint-Säens; Aria sul G, da Suite Orquestral N.3 de J.S. Bach; Danza dos santos espíritos, de Orfeo e Eurídice de C.W. Gluck e algunha que outra sorpresa.

Dirixida polo prestixioso músico Nicolás Ravelli Barreiro, a orquestra está composta por 37 músicos (20 rapazas e 17 rapaces) de entre 15 e 35 anos de idade e nace con vocación de ser unha formación estable no tempo.

Tanto a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, animan á cidadanía a acudir a este concerto, “que será un impulso para os seus integrantes, todos cun gran talento e grandes profesionais que serán os que no día de mañá asegurarán a continuidade das grandes orquestras instrumentais”.

Este tipo de proxectos complementan a formación que xa se imparte desde a Escola Municipal de Música e a que tamén desenvolven outras agrupacións musicais moi asentadas en Lugo.

Noticias relacionadas