Tapiado o inmoble número 10 da rúa Montevideo, punto de venda de drogas, tras unha actuación de disciplina urbanística

A alcaldesa Lara Méndez e o concelleiro Miguel Couto visitaron hoxe o edificio, onde actuou o propietario con total colaboración e co apoio da Policía Local e Nacional

O Concello actuou tras as denuncias presentadas en agosto para garantizar a seguridade e a salubridade da zona

Sábado, 14 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, visitaron o inmoble número 10 da rúa Montevideo (carril das Estantigas), sobre o que recaía unha orde de execución para tapiar a parte posterior do mesmo co fin de garantir a seguridade e salubridade da veciñanza e eliminar o punto de venda de drogas no que se tiña convertido.

Xunto a rexedora e o edil estiveron axentes da policía e propietario do inmoble, que tapiou edificio en plena colaboración co Concello.

O pasado mes de agosto recibíronse varias denuncias na Policía Local, que elaborou un informe que, sumados aos aportados polos servizos técnicos municipais e conforme ao disposto na lexislación vixente, propiciou que Disciplina Urbanística ditase unha orde de “execución de obras necesarias para conservar por parte dos seus propietarios as edificacións nas condicións que garanticen a seguridade, salubridade, accesibilidade universal”.

Tras un decreto da Alcaldía, foi alertada á propiedade, para que procediese a tapiar o inmoble e que actuase coas medidas de seguridade necesarias para evitar danos na vía pública e edificacións lindeiras. O propietario informou que hoxe actuaría e requeríu que se personasen a Policía Local e a Nacional, pola posible presencia de ocupas no interior do local.

A rexedora e o concelleiro estiveron supervisando a actuación conxuntamente coas forzas de seguridade.

Noticias relacionadas