Sobre rodas pola inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade intelectual

A Alcaldesa e membros da Corporación participaron este sábado no acto de apertura e de clausura da Marcha Ciclista Unificada Special Olympics, coa que colabora o Concello, e que reuniu en Lugo a medio cento de deportistas

“Hoxe todos vós sodes gañadores, por non deixar de loitar por todo aquelo no que creedes”, expresou a rexedora

Sábado, 20 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Sobre rodas pola inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade intelectual

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e membros da Corporación municipal participaron este sábado, na Praza de San Marcos, tanto no acto de apertura como no de clausura da Marcha Ciclista Unificada Special Olympics para persoas con e sen descapacidade, coa que colabora o Concello. A rexedora agradeceulle ao máis de medio cento de participantes o seu esforzo, ilusión e a lección de superación que ofrecen á sociedade. “Hoxe todos vós xodes gañadores, por non deixar de loitar por todo aquelo no que creedes”, expresou a rexedora ao inicio do acto, ao que tamén asistiron, ademais do presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, representates da Deputación de Lugo, FADEMGA Plena Inclusión e ASPNAIS.

O obxectivo desta competición organizada por Special Olympics Galicia xunto con FADEMGA, que recorreu onte Ourense e mañá Santiago,  é promover a práctica do ciclismo nas persoas con discapacidade intelectual de Galicia ao mesmo tempo que se fan visibles as súas capacidades. Ademais, preténdese concienciar e difundir a imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade intelectual e eliminar barreiras e estereotipos que dificultan a súa normalización.

Nesta competición participaron un total de 56 deportistas con e sen discapacidade intelectual e adestradores, que percorreron uns 15 quilómetros, dende a Pobra de San Xiao a Lugo. Os  deportistas estiveron acompañados por unha delegación de atletas de Special Olympics Cataluña, chegados de Lleida, así como polos clubes ciclistas Muralla, Correcaminos e Cidade de Lugo. Contaron ademais co voluntarios que apoiaron a deportistas e organización, á quen a rexedora lle agradeceu que se lembraran unha vez máis de Lugo para este tipo de actividades que perseguen acadar unha igualdade real e efectiva.

Ao finalizar o acto, Special Olympics agradeceu a colaboración do Concello, Deputación, Protección Civil e Cruz Vermella con esta marcha, entregándolles un detalle conmemorativo desta actividade. 

Multimedia

  • Sobre rodas pola inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade intelectual

Noticias relacionadas