A cabalgata deste ano está dedicada aos mundos fantásticos e aqueles seres que os habitan
Rubén Arroxo, respostando ás preguntas dos medios, afirmou que pedirá aos Magos de Oriente "que a Xunta remate dunha vez a rehabilitación do barrio da Tinería"
O Tenente Alcalde confirmou que un ano máis o percorrido será o habitual, partindo ás 18:00 do Parque da Milagrosa, Monte Faro, avenida da Coruña, San Fernando, Santo Domingo, San Marcos e Raíña, rematando na praza Maior ás 19:30

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, deron a coñecer os pormenores da Cabalgata de Reis deste vindeiro ano 2026. O desfile que achegará aos Magos de Oriente a Lugo sairá do parque da Milagrosa ás 18 horas, con chegada aproximada á praza Maior ás 19:30.
A edil de Cultura confirmou o percorrido definitivo da cabalgata, que será o habitual, partindo ás 18:00 do Parque da Milagrosa e continuando por Monte Faro e pola avenida da Coruña. A entrada no recinto histórico será pola Porta de San Fernando e continuará percorrendo as rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, antes de rematar diante do Concello aproximadamente ás 19:30, momento no que os Magos de Oriente recibirán a todas as nenas e nenos que entren no Concello.
O Tenente Alcalde destacou que a cabalgata de Reis é, xunto co San Froilán, un dos eventos que máis persoas mobilizan ao longo do ano, que adoita reunir, segundo os datos dos servizos municipais, entre 40 e 50 mil persoas cada ano.
Maite Ferreiro explicou que "A cabalgata deste ano está dedicada aos mundos fantásticos e aqueles seres que os habitan". Trátase de mundos creados na ficción literaria, no cinema, xogos de rol e na tradicion oral. Historias fantásticas, contos de fadas e maxía dan forma a estes universos ficiticios que non se rixen polas leis da realidade. Criaturas máxicas e míticas, protagonistas de todas esas historias, elfos, fadas, animais fantásticos dotan de vida a esta extraña caravana.
Melchor, Gaspar e Baltasar contarán con 4 carrozas, unha para cada un deles e outra para poder levar os agasallos de todas as nenos e nenos de Lugo. As súas carrozas ambientadas na temática desta cabalgata levarán ás súas maxestades ao fondo do mar, aos ceos e máis aló de onde rematan os mapas. Criaturas fantásticas acompañarán a cada un deles e un vello amigo desta cidade na súa versión máis xigantesca coidará de que non se perdan os agasallos.
A cabalgata contará con 16 espectáculos que inclúen a partipación de máis de 100 actrices, actores e músicas. Durante o desfile, os paxes reais repartirán máis de 1000 quilos de caramelos, entre todas as nenas e nenos, que se acheguen ao percorrido e, unha vez dentro do Concello, recibirán un dos máis de 2000 cornetes de lambetadas que levarán tamén un pequeno xoguete ou recordo.
Atendendo ás preguntas dos medios, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro confirmaron que unha das peticións que incluirán na súa carta aos Magos de Oriente será reclamar á Xunta que remate a rehabilitación do Barrio da Tinería. Arroxo explicou que "no ano no que se cumpliron 25 anos desde que a Muralla é Patrimonio da Humanidade, vemos como a Xunta segue mantendo este espazo nun estado cada vez máis ruinoso". Pola súa banda, Maite Ferreiro, destacou o potencial económico deste barrio, "unha zona que podería ser referencial no casco histórico".
Audios
- Maite Ferreiro, sobre a Cabalgata de Reis do 2026 | Descargar mp3
- Rubén Arroxo, sobre a Cabalgata de Reis do 2026 | Descargar mp3



